
O luns 27 ás 20 h no noso local, terá lugar a palestra Mulleres saharauís en Galiza, a cargo da socióloga especializada en migracións e intervención sociocomunitaria Ana María Pernas Vázquez. Nesta actividade presentará o seu traballo de mestrado “Saudade do deserto: a soidade na diáspora saharauí en Galiza”, unha investigación que analiza como viven e senten a soidade as mulleres saharauís que residen no noso país e que foi galardoada co segundo premio no Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero “Ángeles Alvariño”.
A través do concepto de “saudade” —entendido como unha emoción que mestura dor, memoria e desexo de retorno— e do uso da fotografía como ferramenta de expresión, a autora afonda nestas vivencias desde unha perspectiva de xénero. A actividade organízase en colaboración coa Comunidade Saharauí en Galiza, que aproveitará o encontro para facer unha breve presentación sobre a exclusión que sofren as persoas saharauís no proceso de regularización aberto polo goberno español.
Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies
ACEPTAR