Narrativa para debuxar a nación

AC Alexandre Bóveda

O mércores 15 de abril, ás 19.30 h, o ciclo “Otero Pedraio, arredor de nós” presenta a conferencia Narrativa para debuxar a nación. A sesión será impartida pola investigadora Carme Fernández Pérez-Sanjulián, quen analizará a dimensión política e estratéxica da obra narrativa de don Ramón.

Para Otero Pedraio, a novela non era un simple entretemento, senón un proxecto cultural de primeira orde. A través de obras fundamentais, o autor de Trasalba buscou “substantivar a nación”, trasladando o ideario galeguista das elites intelectuais a un público moito máis amplo pola vía da ficción. Os textos oterianos funcionan así como ferramentas de afirmación, onde a sociedade galega pode recoñecer a súa historia e esencia nun proxecto de reivindicación colectiva.

Contamos para esta xornada cunha das voces máis prestixiosas no estudo deste autor. Carme Fernández Pérez-Sanjulián é profesora titular na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña. A súa investigación pon o foco nas relacións entre os discursos literarios, culturais e políticos dentro da literatura galega e portuguesa contemporáneas, as Humanidades Dixitais e a edición na Galiza. Dirixiu tres proxectos de investigación, dous centrados na etapa franquista e outro no período 1975-2000. É autora de libros como A construción nacional no discurso narrativo de Ramón Otero Pedrayo (Premio Sempre en Galiza de Ensaio 2002), a edición crítica de Fígados de Tigre de Gomes de Amorim ou As bibliotecas dixitais. Recentemente editou Intenso e solidario feminismo. Estudos rosalianos de Pilar García Negro (2023) e dirixiu 4 teses de doutoramento.

DATOS DO EVENTO

Data: Mércores, 15 Abril 2026
Hora: 19:30
Tipo de evento: Palestra

Inscrición necesaria

Inscríbete

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies