
O mércores 26 de marzo, ás 19 horas, Iria-Friné Rivera Vázquez ofrécenos unha palestra co título O universo Isaac Díaz Pardo. Entre a Revolución Industrial e o Art Déco.
Esta conferencia versa sobre as diversas referencias presentes canalizadas por Isaac Díaz Pardo (1920, Santiago de Compostela – 2012, A Coruña). Ditas referencias non so funcionaron a modo de coñecemento e ensinanza teórica, senón de aplicación práctica. E non so tiveron unha repercusión real, senón que a base desa repercusión estaba acompaña da auctoritas desas referencias conferindo a útiles da vida cotiá unha significación natural que acompañaba a cidadanía nos seus ideais e actos.
As referencias que influíron nos diferentes proxectos de Díaz Pardo abarcan séculos. Así pode contarse a influencia da cultura británica como berce da Revolución Industrial dende a década de 1760 en adiante, coas repercusión que tivo en canto a producción de bens domésticos a partir dunha producción mecanizada e co emprego de recursos naturais. Xunto con isto apareceron os primeiros prototipos de arquitectura industrial, compaxinada co taller artesanal, así como o deseño de enxeñería civil. Este primeiro punto a vez enxergou na sinerxía do Movemento da Ilustración e o nacemento da figura do artista como deseñador de artes aplicadas. O froito mais latente desta influencia será o retomar a empresa de cerámica fundada en 1804 por Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos (1750-1809), no fragor desta revolución que xunto coa Revolución Francesa (1789-1799), firmaba o final da Idade Moderna e o inicio da Idade Contemporánea.
De igual xeito esta influencia cultural en Díaz Pardo fortaleceuse coas liñas establecidas co século XIX. E foi o seu pai, Camilo Díaz Baliño (nado en 1889 en Ferrol), a figura clave desta transmisión de traballo, oficio e valores. A destacar a concreción dos estilos nacionais (como o celtismo e o medievalismo) tomados de temas e motivos artísticos históricos, a súa identificación e función na sociedade, a evolución dunha arquitectura e artes industriais, e o contacto coa vangarda vitoriana, encabezada por John Ruskin (1819-1900) e William Morris (1834-1896) —fundador do Movemento de Artes e Oficios—. Díaz Baliño, de feito, trasladou a un fillo nacido en 1920 non so as mudas operadas no plano artístico senón tamén no intelectual e político. Díaz Pardo medrou nun fogar que, da man do pai, era nun so espazo biblioteca, arquivo, museo, lugar de encontro, taller, escola e espazo de iniciativas para a producción.
Foi neste ambiente onde se estableceron dous alicerces que marcas distintivas de Díaz Pardo. Na dimensión creativa está o traballo unificador entre as ramas das artes escénicas, do deseño gráfico, o deseño editorial, o deseño de interiores, a publicidade, a pintura, a ourivería, o téxtil e a pedagoxía que proxecta cada obra. Pero, tamén, o interese nas vangardas (especialmente en Peter Behrens e a Bauhaus (1919-1933) en Alemania e os Vkhutemas (1920-1930) en Rusia), os principios do Art Dèco (1921-1940), os valores do imaxinario e a estética galega de teóricos da Arte como Vicente Risco (1884-1963), a plasmación representativa da cultura popular e histórica, sobresaíndo o celtismo galego. Na dimensión intelectual e política, Díaz Pardo foi testemuño na persoa do seu pai dos fitos que marcaron a cultura e a Historia galega contemporánea. Entre estes fitos están a dinámica da Cova Céltica e a fundación das Irmandades da Fala (1916-1931) e o establecemento da editorial Lar (1924-1928) na Coruña, mais ende Santiago de Compostela da pertenza ao Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), o activismo do Partido Galeguista (1931-1950) e a campaña do Estatuto de Galicia en 1936.
Eses anos tamén contribuíron en Díaz Pardo con compañeiros de viaxe como Manuel Colmeiro (1901-1999) ou Carlos Maside (1897-1958). E, de especial relevancia, Xosé Vizoso e Luís Seoane (Bos Aires, 1910 – A Coruña, 1979) como colaborador, teórico da Arte, pintor, deseñador e estudoso (dada tamén a influencia de Díaz Baliño nel, chegou a renderlle homenaxe de palabra e obra). A enerxía dos fíos históricos non se extinguiu senón que transformouse, na personalidade de Díaz Pardo, en proxectos de ramificación como Sargadelos —dende o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside (1970) en Sada, o cultivo da Memoria Histórica ata o deseño de cerámica e de tendas ou o Instituto Galego de Información (1977) en Santiago—-. Co impulso de funcionar entre si recolleuse do pasado a resiliencia fronte a destrución da morte e a guerra, o coñecemento e a consciencia fronte a indiferenza e a pasividade, a luminosidade e dinamismo do espirito novo fronte o entumecemento interesado. Levouse a práctica un pensamento que desquitaba capas de limitación para materializar obras futuras ao servizo da sociedade galega e da Humanidade, a imaxe e semellanza da grande narrativa soberana da cultura histórica na que naceron.
Iria-Friné Rivera Vázquez (1988, Vigo) é historiadora da Arte, escritora e conferenciante. Investigadora pola USC e membro do padroado da Fundación Vicente Risco (Allariz).
O autor do cartaz é David Segade Queiruga.
A duración deste evento é de 2 horas.
Utilizamos cookies propias e de terceiros para garantir o correcto funcionamento do sitio web, medir o uso e mellorar os nosos servizos. Podes aceptar todas as cookies, rexeitar as non esenciais ou configurar as túas preferencias. Cookie policy
Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.
Help measure site usage and improve its content.
Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.
Store preferences or enable non-essential external content.