
O venres 13 de febreiro, ás 19.30 h, terá lugar a conferencia O Pasado crúzase co Presente: Os cen anos de «Na Noite Estrelecida». A cen anos do lanzamento desta obra capital de Ramón Cabanillas en 1926, o libro cumpre un século mantendo vixentes os seus temas e símbolos que, hoxe como no momento da súa creación, ofrecen resposta e alento en tempos escuros. Publicada orixinalmente co selo do Seminario de Estudos Galegos en plena ditadura de Primo de Rivera —un período de forte censura contra calquera manifestación colectiva de identidade—, a obra naceu coa vontade de erguer unha arela de liberdade e paz a través da palabra.
O valor bibliográfico do volume viuse reforzado pola súa impresión na sede do Balneario de Mondariz, grazas ao compromiso do seu director, Enrique Peinador Lines. No seu interior, Cabanillas enxergou o relato coa Materia de Bretaña, rescatando figuras arquetípicas como o Rei Arturo, Galahad ou Merlín. Estes personaxes non operan como simples mitos, senón como símbolos de valentía con prudencia e sabedoría práctica, personificando un ideal de humanidade e loita que buscaba dotar de sentido o devir da sociedade galega.
A obra acadou a súa plenitude visual grazas á magnífica iconografía celta de Castelao. Nas súas páxinas abundan estrelas, antas, espadas de antena e caetras que ornan as iniciais de cada relato, xunto a cisnes coroados e o propio escudo do Seminario de Estudos Galegos co Grial. Esta estética bebe directamente de influencias europeas, dende o prerrafaelismo de William Morris e Dante Gabriel Rossetti ata as atmosferas das óperas de Richard Wagner. Así mesmo, o traballo dialoga cos lenzos de Camilo Díaz Baliño e cos achados arqueolóxicos que se sucedían en Galicia na década de 1920.
Cunha alma profundamente europea, a publicación de Na Noite Estrelecida coincidiu cronoloxicamente coa estrea de obras mestras como Os Nibelungos de Fritz Lang. O libro péchase cunha palabra que hoxe recuperamos polo seu peso simbólico: «Agardade». Nos cento cincuenta anos do nacemento de Cabanillas, esta tríada de imaxes celtas que conformaron as ilustracións do libro, a escultura da Druidesa de Uxío Souto e o cartaz de Díaz Baliño para o I Congreso Teosófico, seguen a ser un espello onde a sociedade galega pode recoñecer o que foi e o que a alenta.
A sesión correrá a cargo de Iria-Friné Rivera Vázquez, historiadora da arte, escritora e investigadora da USC. Rivera Vázquez é especialista en Arte da Idade Moderna e forma parte dos padroados da Fundación Luís Seoane (A Coruña) e a Fundación Vicente Risco (Allariz).
DATOS DO EVENTO
Inscrición necesaria
Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies
ACEPTAR