Plenario de Queremos Galego

Queremos Galego

O luns 27 de xaneiro ás 19:30 acollemos o plenario de Queremos Galego para “mudar o rumbo do galego”, no que a plataforma de entidades en defensa da nosa lingua perfilará a gran manifestación nacional que terá lugar o 23 de febreiro, Día de Rosalía, entre a Alameda de Santiago e a Praza do Obradoiro.

Un plenario para avaliar a situación da nosa lingua, así como para coñecer as accións a realizar partindo da proposta de puntos mínimos e medidas urxentes exposta en novembro por Queremos Galego, para comezar a reverter a emerxencia lingüística e repoñer o noso idioma en todos os espazos onde está excluído.

A coordinadora do encontro, Celia Armas García, recorda que “os datos de uso e coñecemento do galego que ofrece o IGE evidencian o estado de emerxencia lingüística extrema ao que chegamos”, mais tamén que “cada vez que a sociedade galega se activou pola súa lingua conseguiu frear a perda de falantes”. “Non podemos ter ningunha confianza”, lamenta Armas, “nun goberno da Xunta que leva 15 anos actuando contra acordos alcanzados por unanimidade e que contaron con grande participación social e ao que lle parece excesivo o 1% de galego nas plataformas de TV, xustiza, ou xoguetes, ou que ademais de prohibir nalgunhas materias o uso da nosa lingua fomenta nas outras o uso de materiais didácticos que non teñen nada de galego”. “Un goberno de Xunta”, engade, “que fala de pacto pola lingua mais non só non contestou as solicitudes de encontro, senón que xa está a propor o uso do castelán na TVG e a eliminación do dereito á atención en galego permitindo o seu descoñecemento polo funcionariado interino”.

“Si cremos que coa implicación da sociedade é posíbel reverter a situación do galego”, remata Celia Armas. “Comezar a facelo é o que pretendemos con este plenario comarcal ao que convidamos a todas as entidades e persoas que queiran darlle un novo pulo ao galego”.

DATOS DO EVENTO

Data: Luns, 27 Xaneiro 2025
Hora: 19:30
Tipo de evento: Outros

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies