
O luns 12 de xaneiro, ás 20 horas, no noso local, presentamos o poemario O rumor do distante (Laiovento), de Cesáreo Sánchez Iglesias.
As humildes trazas dos camiños, comunicando a montaña e o mar, ao longo da historia da Galiza, vertebraron a cultura de noso e a xeografía de parte de Europa. Trouxeron a camiñantes coa súa cultura e a súa visión do mundo e levaron de retorno á súa terra a ollada marabillada polas imaxes do sagrado, dunha terra e dun pobo cunha cultura milenaria.
Este longo poema que percorre os sete camiños (6+1) foi escrito paralelamente aos traballos do autor na protección do patrimonio cultural galego. Coa delimitación das súas trazas, o poeta inicia a súa escrita, constatando que somos un dos pobos que máis humanizou a natureza, nun titánico traballo de séculos, sedimentando o ser que nos constitúe, dando nomes a lugares que significan e son o noso ADN, e que neste poemario, que obtivo o XX Premio Esquío de Poesía en Lingua Galega, foron habitados da poesía.
Ao ollar cara atrás vemos os camiños submersos na banalización do seu significado cultural. Hoxe, ollamos como a nosa terra segue a se desangrar nunha silente extenuación que destrúe o noso patrimonio cultural. Se permitimos a deshumanización da nosa terra desaparecerá aquilo que anainou a nosa identidade. Este proceso invisible de aculturación, alén do espolio económico, fainos parte dun proceso de destrución do patrimonio natural, con minas que arrincan a dourada entraña, envelenando as augas até nos converter nunha estéril terra morta.
Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín-Irixo, 1951) é autor dunha ampla obra, principiada en 1978 con Silencios e conversas de inverno. Estudou Arquitectura Técnica e Socioloxía e Ciencias Políticas en Madrid e foi un dos fundadores da Agrupación Cultural Lóstrego, que presidiu. Continuou a manter unha posición dinámica dentro da creación do movemento asociativo cultural durante a transición. Foi presidente da AC Alexandre Bóveda e director de Edicións A Nosa Terra. Desde 2005 é o presidente da AELGA.
En esta presentación estará acompañado por Estíbaliz Espinosa, poeta, ensaísta, tradutora, cantante e divulgadora científica.
Utilizamos cookies propias e de terceiros para garantir o correcto funcionamento do sitio web, medir o uso e mellorar os nosos servizos. Podes aceptar todas as cookies, rexeitar as non esenciais ou configurar as túas preferencias. Cookie policy
Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.
Help measure site usage and improve its content.
Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.
Store preferences or enable non-essential external content.