Presentación de «Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes»

Presentación de «Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes»

O luns 6 de xullo ás 19:30 acollemos a presentación de Ruth Matilda Anderson. Tradutora Das Marxes de Alba Rodríguez Saavedra.

Ruth Matilda Anderson (Nebraska, 1893-Nova York, 1983), conservadora da Hispanic Society of America, investigadora, fotógrafa, tradutora e ensaísta, reivindicou a Galiza do campesiñado, das mulleres e da infancia, trasladando unha visión complementaria á que tradicionalmente ofreceu a nosa historiografía canónica, mais a súa obra ficou na periferia dos rexistros literarios galegos durante case un século, mesmo malia ser a maior tradutora de Rosalía de Castro co par galego-inglés ata 1964.

Neste libro desenmascáranse os diferentes mecanismos que, consonte o investigado por Alba Rodríguez Saavedra, desde 1939, operaron e operan para manter afastada do noso sistema Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, a monografía referencial de Anderson sobre Galiza e a única desta tipoloxía que publicou.

Nela, ademais das devanditas traducións e de presentar unha análise exhaustiva do país alicerzada na documentación histórica, literaria e etnográfica, reflíctese con claridade, a través da cesión da palabra ás protagonistas, a dureza da vida das mulleres rurais da altura, así como o compromiso feminista de dúas escritoras paradigmáticas, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.

Acompaña á autora a xornalista Cláudia Morán.

DATOS DO EVENTO

Data: Luns, 6 Xullo 2026
Hora: 19:30
Tipo de evento: Presentación