
O martes 25 de febreiro ás 19 h presentamos a publicación do noso proxecto NON CALARÁS!, traballo que obtivo no ano 2024 o Premio “Luísa Villalta” da Área de Igualdade da Deputación da Coruña.
Hai xa cinco anos que abrimos a nosa web A Coruña das Mulleres coa idea de construírmos colaborativamente un fondo documental e gráfico que puidese ser útil para a información, consulta e investigación sobre a memoria feminina da cidade da Coruña. Aí están os alicerces de NON CALARÁS! este proxecto que agora presentamos e que quere facer memoria das loitas esquecidas desenvolvidas por mulleres: as folgas das cigarreiras e das lavandeiras, as revoltas, os motíns, as pedradas… Son historias con moita forza dunhas protagonistas que souberon tecer redes e traballaren en común, mais cuxos relatos ficaron frecuentemente na néboa do tempo.
Esta publicación que presentamos (un pequeno libro de 60 páxinas) quere ser un libro de homenaxe –e sobre todo de agradecemento– ás que non se resignaron, ás insubmisas, ás rebeldes, ás que souberon loitar, ás que non calaron. E, neste ano de 2025, en que damos ao prelo a presente publicación, quixemos reservar o derradeiro capítulo para as cantareiras como recoñecemento a aquelas mulleres que usaron o canto para preservaren o noso maior tesouro colectivo: a lingua.
As miñas mans son de ouro,
heinas de mandar dourar;
saben tocar o pandeiro,
tamén saben traballar
As persoas que nos acompañedes levaredes de agasallo un exemplar do libro.
Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies
ACEPTAR