
O xoves 23 de abril, ás 19.30 h, continuamos co ciclo “Otero Pedraio, arredor de nós” coa palestra titulada Un intelectual chamado Ramón Otero Pedraio. A sesión será impartida por Patricia Arias Chachero, unha das investigadoras que mellor coñece as engrenaxes do pensamento oteriano.
Ramón Otero Pedraio representa o cume do polígrafo moderno en Galiza. A súa faciana intelectual vai moito máis alá da creación literaria: foi o home que lle deu unha base científica e estética á xeografía galega, entendendo o territorio como un organismo vivo e motor da nosa historia. Desde a súa cátedra en Santiago e o seu labor no Seminario de Estudos Galegos, Otero construíu un sistema de pensamento que hibridaba o humanismo, o panteísmo e un profundo coñecemento das correntes europeas, convertendo a paisaxe en paisanaxe.
Para profundar nesta figura, contamos coa solvencia de Patricia Arias Chachero. Catedrática de Lingua e Literatura Galega e secretaria da Fundación Otero Pedraio, Arias Chachero é membro do Consello Editorial da Editorial Galaxia e unha peza clave na recuperación do legado documental do autor. O seu traballo foi fundamental na edición de volumes epistolares imprescindibles, como as Cartas á nai (1905-1950) e (1951-1956), ou os epistolarios con Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Ricardo Carvalho Calero e Francisco Fernández del Riego. Autora de obras como Trasalba, terra literaria e coautora da Fotobiografía de Otero Pedraio, a súa traxectoria investigadora permítenos hoxe achegarnos ao perfil máis lúcido e humano do mestre de Trasalba.
Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies
ACEPTAR