
O martes 10 de febreiro, ás catro da tarde, no Muncyt (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía), sito na praza do Museo Nacional de Ciencia, 1, realizaremos unha visita guiada á exposición “Porto Negreiro”. Esta mostra, desenvolvida no marco do proxecto A Coruña entre memorias: historia, colonialismo e identidade, propón unha revisión crítica da memoria colonial da nosa cidade e do papel que o seu porto desempeñou no tráfico transatlántico de persoas escravizadas durante os séculos XVIII e XIX.
A través de documentos, imaxes e voces diversas, a exposición revela as conexións entre progreso e violencia, así como as rutas, fortunas e silencios que sostiveron a trata. O percorrido convida a recoñecer as pegadas deste pasado na arquitectura, na economía e no imaxinario urbano, reflexionando sobre como estas herdanzas continúan condicionando o presente.
“Porto Negreiro” expón un exercicio de memoria que interpela á cidade e a quen a habita, cuestionando os relatos hexemónicos e abrindo espazo a aquelas historias que foron sistematicamente silenciadas. En diálogo coas migracións contemporáneas e as desigualdades históricas, a mostra propón repensar a relación entre pasado colonial, identidade e xustiza social.
O proxecto está dirixido por Zinthia Álvarez Palomino e Cristina Botana Iglesias, cuxas traxectorias conflúen nunha maneira compartida de entender a historia como un campo de disputa política e ética. Ambas parten da necesidade de revisar quen contou a historia, desde onde e con que ausencias, recuperando narrativas invisibilizadas a través dun diálogo continuo entre a cidade e a memoria.
Utilizamos cookies propias e de terceiros para garantir o correcto funcionamento do sitio web, medir o uso e mellorar os nosos servizos. Podes aceptar todas as cookies, rexeitar as non esenciais ou configurar as túas preferencias. Cookie policy
Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.
Help measure site usage and improve its content.
Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.
Store preferences or enable non-essential external content.