Visitamos a exposición “A Coruña no Tempo”

 

Guiados polo seu comisario, Manuel Gago, visitamos a exposición “A Coruña no Tempo” que se atopa na sede Afundación.

Segundo Manuel Gago, a exposición é un proxecto global que reivindica a identidade urbana de Galiza. Explora os trazos que conformaron a identidade da Coruña ao longo de miles de anos de historia.

Comezamos o percorrido polos Mitos fundacionais da cidade: Hércules e Breogán.

No apartado Tramas podemos ver unha escolma de documentos que testemuñan as profundas transformacións da Coruña e a organización da súa vida social.

Exposición "A Coruña no Tempo"

A evolución urbana da Coruña está condicionada por unha xeografía particular: unha península que se adentra no mar e un reducido tamaño do municipio.

Exposición "A Coruña no Tempo"

A Coruña nace arredor do mar. Xeracións de mariñeiros transmitíronnos o coñecemento do mar coruñés. O pescador e poeta Xosé Iglesias representa nun óleo ese coñecemento sobre o medio mariño gardado polos mariñeiros.

Ademais dunha trama urbanística, unha cidade é un escenario de convivencia e representación. A Coruña construíu o ambiente propicio para que a partir da segunda metade do século XIX nacera unha nova idea de Galiza.

Dentro das memorias silenciosas, durante a proclamación da II República, o 14 de abril de 1931, a media tarde, a nova corporación municipal saíu aos balcóns de María Pita para anunciar o novo réxime. A foto é dese histórico momento.

Hai unha cidade narrada, construída con palabras.

Exposición "A Coruña no Tempo"

 Unha cidade narrada con palabras de Xurxo Souto en Contos da Coruña.

Ou unha cidade narrada con palabras de Manuel Rivas en As voces baixas.

Aludía Manuel Gago ao sufrimento do comisario á hora de facer unha exposición porque ten que descartar moitas pezas, igualmente é moi difícil dar conta dela, sobre todo se é tan interesante e recomendable como A Coruña no Tempo.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies