Florencio Delgado Gurriarán, o poeta de Valdeorras

Florencio DelgadoSe de Uxío Novoneyra podemos dicir que é o poeta do Courel e Manuel María o da Terra Chá, de Florencio Delgado Gurriarán podemos afirmar que é o poeta de Valdeorras. O valdeorrés nacía o 27 de agosto de 1903. Tendo en conta a data, dedicámoslle unhas breves liñas en lembranza de Florencio.

A vida

Florencio Manuel Delgado Gurriarán naceu en Córgomo de Valdeorras o día 27 de agosto de 1903, como xa dixemos. Era o menor de cinco irmáns. Viviu en Córgomo ata os seis anos en que marcha a Ourense e aos dez a Palencia. Nesta última cidade estudou o bacharelato e a carreira de Dereito en Valladolid.

No ano 1928 volveu vivir a Córgomo, comezando a traballar como pasante no bufete do avogado Segundo Trincado. Da personalidade de Florencio, do seu compromiso coa súa terra, fala o feito de que se integrase plenamente cando regresou á súa aldea, e iso que levaba case toda a vida fóra. É un aspecto que salienta Ricardo Gurriarán no seu libro Florencio Delgado Gurriarán (Ediciós do Castro, Sada, 1999). Florencio participaba en todas as actividades que se organizaban na aldea (de moitas delas era el o organizador). Gustáballe a música e posuía unha voz que destacaba en todas as festas e esmorgas que facían os mozos de Córgomo, e iso que este lugar sempre gozou dunha merecida fama de bos cantantes.

O compromiso e apego á súa terra levouno a vincularse ás Irmandades da Fala, ao Partido Galeguista e ao Partido Nacionalista Republicano de Ourense. Coa Guerra Civil tivo que exiliarse en México en 1939, tras pasar antes por Portugal e Francia.

En México dirixe as revistas “Saudade” e “Vieiros“(1959).

Volveu a Galiza en 1968, 1976 e en 1981 (para ser pregoeiro das festas do Cristo, tomar posesión como Membro de Mérito do IEV). Estas visitas nunca foron definitivas xa que sempre terminaba regresando a México.

O día 14 de maio de 1987, cando tiña 84 anos, morría en California. As súas cinzas foron trasladadas ao seu Córgomo natal.

A obra

Florencio M. Delgado Gurriarán é autor das seguintes obras de poesía:
Bebedeira (1934).
Poesía inglesa e francesa vertida ó galego (1949), xunto con Plácido R. Castro e Lois Tobío.
Galicia infinda (1963).
Cantarenas (1981).
O soño do Guieiro (1963).

BebedeiraPolo seu primeiro libro, Bebedeira (1934), a crítica sitúa a Delgado Gurriarán dentro das vangardas e máis concretamente na liña hilozísta do pontevedrés Luís Amado Carballo. A paisaxe de Valdeorras (as vidras, as serras, o río Sil, os bidueiros, os castiñeiros…) aparece animada, personificada, con vida propia.

Para Miro Villar (“O macrotexto poético en galego de Florencio Delgado Gurriarán”, revista ” Raigame”, nº 23, Ourense, maio de 2006), a obra de Delgado Gurriarán conforma un macrotexto poético propio onde habería unha complexa armazón de relacións entre os poemas. Segundo Miro Villar, Galicia infinda (1963), é a súa obra máis interesante porque podemos atopar nela todas as tendencias formais e estéticas empregadas por Florencio.

Dentro da poesía social queremos salientar os poemas onde aparece o compromiso de Delgado Gurriarán coa lingua galega. Defende o seu uso sen complexos, tamén na toponimia.

Ademais de hábil versificador, temos que destacar asemade a enorme riqueza léxica que contén a súa obra.

Rematamos sinalando que a comarca de Valdeorras vén desde hai tempo pedindo á Real Academia Galega un Día das Letras Galegas para o seu autor máis representativo: Florencio Delgado Gurriarán.

DEZ COUSAS DE VALDEORRAS (NO VRAN)

As vidras,
ledas mozas churrusqueiras
maquilladas de sulfato,
sorrinlle ao vento coquetas.

 

O vento,
baril mociño das festas,
mercóu, na tenda do souto,
seu perfume de candeas.

 

A fonte,
que chouta por antre as penas,
vén, ca súa cara lavada,
a ensaiar a muiñeira.

 

A cobra
quere poñerse morena
e toma baños de sol
por andar â «derradeira».

 

As nubens
enamoradas da serra,
andan a buscarlle as voltas
por ver de apalparlle as tetas.

 

O monte,
amallóa as chancas de pedra
côs amallós dos regatos
e ten que pôrse en crequenas.

 

O carro,
cô lombo cangado de herba,
ven, por amostrar os folgos,
cantando unha cantarena.

 

A vaca
côs dous puñaes da testa,
ao apuñelar a serán
faille feridas de estrelas.

 

A lúa
veu de «Cubita» a outra feira
e anda «botando la plata»
no café das carballeiras.

 

E as coitadiñas arrás
que a volta del rei anceian,
teimosas, pídenlle a Deus
o trunfo das suas arelas.

 

(De Bebedeira)

O cantautor valdeorrés, Anxo Rei, canta o poema de Florencio Delgado Gurriarán no que reivindica os topónimos galegos:

 

Para saber máis:

2 Respostas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies