Futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel: dúbidas e certezas

Organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega tiña lugar este luns, 10 de outubro, en Compostela, unha xornada sobre a realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel. Coordina por María Ángeles Rodríguez Yáñez do periódico valdeorrés, O Sil, a xornada comezaba coa intervención do catedrático de Xornalismo da USC, Xosé López García. Se ben afirmaba que “non desaparecerán os medios en papel”, tamén Xosé López sinalaba que tiña “máis dúbidas ca certezas sobre o presente e o futuro dos medios de comunicación en galego e en papel”

Futuro dos medios de comunicación

Segundo o catedrático, os medios en papel perderon atractivo como soporte publicitario. Por outro lado, mentres que uns reciben importantes axudas das distintas administracións, a outros como Nós Diario –citaba Xosé López–  a Xunta négalle as axudas, a pesar de ser a única cabeceira diaria en galego. Para o profesor, os medios en papel teñen futuro

“pero hai que facelo mellor: hai que escoitar, deseñar proxectos solventes e sostibles, garantir boas condicións profesionais, cultivar a implicación social e render contas (ser transparentes)”.

Futuro dos medios de comunicaciónModerada por Xan Carballa, na xornada tiña lugar unha mesa redonda con representantes de distintos medios en galego e en papel. Unha das participantes era a directora de Nós Diario, María Obelleiro, quen sinalaba o compromiso do xornal coa lingua galega. Para ela, “a información de calidade hai que pagala, se non alguén a paga por ti”, con todo o que iso supón para a independencia informativa. Afirmaba María Obelleiro que “si, hai demanda” mais hai que “facer pedagoxía” xa que non existe “a educación de pagar por ler contidos de calidade”.  Para a directora de Nós Diario, o incremento do custo do papel é outra dificultade, xa que, co que supón, poderíaselle pagar a outra traballadora. Tamén sinalou María Obelleiro as discriminatorias axudas da Xunta e a exclusión de Nós Diario destas axudas. Para ela, non existe transparencia nas axudas aos medios, máis ben, “convenios escuros” que condicionan a información. Isto provoca a desafección da xente ao non ver medios independentes.

Futuro dos medios de comunicaciónEn representación do periódico O Sil participaba na mesa redonda o seu director, Carlos G. Hervella. Para el, O Sil “usa o galego para defender a nosa identidade”. Para o director do xornal valdeorrés, os medios en papel teñen  futuro, o cal non quere dicir que o dixital non o teña. Laiábase Carlos G. Hervella de que “a xente non coñece o traballo que hai detrás da información”.

Futuro dos medios de comunicaciónXa pola tarde, moderada por Ana Díez, houbo unha mesa de relatorios. Entre eles estaba o de Marta Cortés, profesora e directora da revista Saldoira do IES Martaguisela do Barco. Creada en 2001 polo Equipo de Normalización Lingüística do centro, a revista contribuíu, segundo Marta Cortés, á normalización da lingua galega na comunidade educativa. Para a directora de Saldoira, o papel axuda os sentidos e a letra impresa é hoxe “case un acto de rebeldía”.

Rematamos esta pequena crónica sobre o presente e o futuro dos medios de comunicación en galego e en papel. No ambiente hai dúbidas, máis tamén certezas. Boas son as palabras de Ana Díez coas que acabou a mesa de relatorios: “longa vida á prensa en galego e en papel”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies