O 23 de xullo de 1969, hai agora cincuenta anos, Juan Carlos Alfonso Víctor María de Borbón y Borbón-Dos Sicilias, ante as Cortes franquistas presididas por Antonio Iturmendi Bañales, aceptaba a designación do ditador Franco que o nomeaba sucesor a título de rei. Nese acto, o príncipe de España, xuraba “lealtad a Su Excelencia el Jefe del Estado y fidelidad a los Principios del Movimiento Nacional y demás Leyes Fundamentales del Reino”.
Desde ese día de 1969, ata a morte do ditador en 1975, exerceu como príncipe e sucesor de Franco, precisamente durante uns anos no que a represión da ditadura foi brutal, con declaracións de estados de excepción, detencións masivas de demócratas, procesos sumarísimos, execucións… Juan Carlos presidiu ao longo deses seis anos moitos actos oficiais, con frecuencia á dereita do xeneral.
Trala morte do ditador, converteuse en rei e seguiu eloxiando publicamente a figura de Franco en canto se presentaba a oportunidade. A familia Franco gozou da protección real, o que permitiu que conservase, entre outros, o pazo de Meirás e a Casa Cornide e que se seguira enriquecendo grazas aos privilexios dos que gozaba. Non dubidou en crear e conceder o título nobiliario de Señora de Meirás con Grandeza de España á viúva de Francisco Franco, e o de duquesa de Franco á filla do sátrapa, ao igual que outorgar, en 1977, o título de condesa de Iturmendi á viúva de Antonio Iturmendi, o presidente das Cortes que recollera o seu xuramente de lealdade a Franco.
O que fora presidente do goberno de 1977 a 1982, Adolfo Suárez, explicaba nunha entrevista (realizada en 1995, non foi emitida até o 18 e novembro de 2016) por que nunca se convocou un referendo sobre monarquía ou república: “Cuando la mayor parte de los jefes de Gobierno extranjeros me pedían un referéndum sobre monarquía o república… hacíamos encuestas y perdíamos”. Efectivamente, unha enquisa sobre o “sistema preferido para después de Franco”, recollida no informe de 1970 da Fundación Foessa, daba estes resultados: o 49,4% apostaba pola república e só o 29,8% quería unha monarquía e un 29,8% un sistema “como el actual”. Entre os estudantes o 76% prefería unha república e un 1% a monarquía borbónica. E Adolfo Suárez explicaba que solucionaron o problema metendo “la palabra rey y la palabra monarquía en la ley” da Reforma Política de 1976, sometida a referendo o 15 de decembro de 1976. Toda a oposición pediu a abstención nese referendo.
Nos seus 39 anos de reinado, Juan Carlos nunca fixo unha autocrítica dos discursos onde exaltou a figura do ditador nin condenou as actuacións criminais do réxime. Malia todo isto, seguíusenos presentado a súa figura como unha peza fundamental da transición e na conquista da democracia.
Fronte a esta monarquía, A Coruña sempre se caracterizou pola puxanza do sentimento republicano, manifestado a través de partidos políticos, casinos e outro tipo de entidades. Próbao tamén o resultado das eleccións municipais do 31, onde as candidaturas republicanas acadaron 35 concelleiros fronte aos 5 das monárquicas. Nas eleccións a Cortes do mesmo ano, foron 13 dos 16 deputados da provincia os de tendencia republicana.
Todo este proceso e este contexto histórico no que Juan Carlos é proclamado sucesor de Franco na xefatura do Estado, é explicado polo miúdo neste caderno editado pola plataforma cívica GALIZA POLA REPÚBLICA E POLO DEREITO DA DECIDIR, formada por estas entidades: Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Asociación Cultural O Facho, Centro Social Gomes Gaioso, Anova, Bloque Nacionalista Galego, Corrente Vermella, Podemos, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Isca e Confederación Intersindical Galega.
[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/galiza-pola-republica.pdf” width=”650″ height=”840″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]