Galiza, realidade profunda

“E calesquer podenco forasteiro

Te abafa, de vergonza sin migalla!”

(Xoán Manuel Pintos)

“atreveronse á decir que Galicia era… un cortello inmundo!!.

(Rosalía de Castro)

Campo Galiza

Levamos un tempo rebatendo sentenzas –e prexuízos– pexorativas cara a Galiza. Non nos estrañemos –nin cansemos– de ter que facelo. Xa en 1863, Rosalía de Castro tivo que escribir todo un libro –co prólogo incluído– para rebater a imaxe que fóra tiñan da nosa terra: Cantares Gallegos. No prólogo di:

 Mais he aqui qu’ ó mais triste nesta cuestion, é á falsedade con que fora d’ aqui pintan así ôs fillos de Galicia com’ á Galicia mesma

Gadaña

Rosalía –para volver pola boa imaxe de Galiza–, en Cantares gallegos– cantoulle a todo o que fose capaz de conmovela:

Cantos, vagoas, queixas, sospiros, serans, romerias, paisaxes, debesas, pinares, soidades, ribeiras, costumes, tod’aquelo en fin que pó–la sua forma e colorido e dino de ser cantado, todo ó que tuvo un eco, un–ha voz, un runxido por leve que fosse, que chegase á conmoverme, tod’ esto m’ atrevin á cantar

 E ademais, conscientemente, en lingua galega, xa que o seu obxectivo era demostrar que :

 ó noso dialecto doce e sonoro, é tan aproposito com’ ó pirmeiro, para toda clase de versificacion.

A defensa de Galiza que fixo Rosalía lévaa a escribir –contundentemente– no poema “Calade” de Follas novas (1880):

Vos pois, os que naceches, n’a orela d’outros mares,

Que vos quentás á llama de vivos lumiares,

E só vivir vos compre, baix’un ardente sol;

Calá se n’entendedes encantos d’estos lares,

Cal n’entendend’os vosos, tamen calamos nos.

Roda de carro

Seguro que é importante como nos ven e consideran fóra, mais o transcendental é como nos vemos nós mesmos: as galegas e galegos. Sen prexuízos e con orgullo da nosa identidade. Ese é o único camiño para non desaparecer como pobo diferenciado. Da confianza en nós mesmas depende o noso futuro. Galiza depende de nós. É o que intentaba transmitirnos Manuel María no poema “Galicia” –Os soños na gaiola, 1968–:

Galicia é o que vemos:

a terra, o mar, o vento…

Pero hai outra Galicia

que vai no sentimento!

 

Galicia somos nós:

a xente e mais a fala.

Se buscas a Galicia

en ti tes que atopala!

Ese sentimento que nos leva a querer coñecer ben o noso pasado –e sentirnos orgullosas del– ao mesmo tempo que traballamos e loitamos polo futuro da nosa terra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies