Glosario feminista de peto

Pequeno agasallo para persoas perdidas.

Artemisia Gentileschi. Susana e os vellosCando dou un obradoiro de escrita, unha charla de achega á literatura escrita por mulleres ou algo semellante, veño notando que os homes –poucos, nunca superan o 10 por cento do grupo–, son participativos e ata fan preguntas! Case todas esas preguntas teñen a ver con conceptos básicos do feminismo que non entenden ou que lles causan estrañamento. Cando estamos valorando unha obra de “machirula”, “heteropatriarcal” ou “pirolada máxima” moitas veces non entenden que queremos transmitir con tan herméticos criterios. Moitos destes homes, xa afeitos por inmersión ao feminismo reinante nos espazos culturais ateigados de mulleres, teñen aprendido a razoar doutra maneira e deixaron por fin de pensar que a fenda de xénero é algo que as mulleres levamos entre as pernas. Eses homes están no camiño da transformación, da luz. Para todas as demais (persoas), e aproveitando que moitas veces non sabemos que agasallar no Nadal, vai un breve glosario de termos feministas recortable, encartable e de peto, para que poidan levalo sempre e sacalo como medio de consulta ante calquera dúbida. Ben sabemos que a terminoloxía é moito máis ampla e, segundo se vaia adaptando a lingua aos novos usos irán xurdindo vocábulos que iremos ampliando en anexos 2.0.

De nada!

ANDROCENTRISMO: (de andro, home) O macho alfa como centro do universo. Non ten por que chamarse necesariamente Andrés, o tipo en cuestión; hai Xoáns, Emilios e Franciscos que vaiapordiós de embiguismo.

BROPROPRIATING: (de bro, irmán en koruño, raíz culta do termo) Histórica reacción na que un membro masculino da familia se apropia, para o seu lucro, do traballo da irmá/muller/filla e sen pegar selo durante todo o proceso. O que vén sendo o mítico abuso instaurado desde as cavernas de que se che coman o bocadillo, o Nobel de Física ou análogos.

CRICA TESTEMUÑAL: O uso da acepción sería equivalente á mosca na sopa dun todopirolos. Poñer unha muller no medio de homes en calquera acto sociopolíticocultural por iso de cumprir cos mínimos. En sentido figurado, equivalería a marcar o cadradiño de bens sociais na declaración da renda, un aquel feito para despistar e/ou quedar ben.

APODERAR: Revestirse de poder o mesmo que empapelar é revestir de papel. Empoleirarse no poder para non baixar. Palabro que, ademais de darnos ás mulleres poder e autonomía sobre a vida propia, fai tremer aos homes pola súa como ao berro de “aí vén o lobo!”.

FALOCÉNTRICO: Sinónimo de androcéntrico. Todo xira arredor do membro e non da membra e, por suposto, teorizando sobre as orixes galegas do termo, atopamos que ten a ver con que o home que fala ha de acaparar todas as conversas e atencións (ver tamén MANTERRUPTING).

FEMINOTHING: (pronúnciese feminazing) Feminista nihilista.

MANTERRUPTING: Dise da teima de interromper e asoballar o discurso das mulleres para desacougalas, invisibilizalas ou, simplemente porque #detodalavidadediossefixoasí. O manterrupting pode combaterse con consignas como: ‘sinto moito que a metade da miña frase teña batido contra o inicio da túa’, ou ‘Ahá, ahá, que interesante todo o que dis, oes, pero vou retomar o meu onde me fixeches deixalo porque, a verdade, é que me interesa moito máis, grazas’.

MANSPLAINING: (En galego Homexplicar) Explicación dun home a unha muller sobre calquera tema no que os homes se sintan lexitimados para teorizar aínda que elas sexan enxeñeiras de camiños, doutoras en física cuántica ou premios Nobel de Medicina. Teñen que ir eles dicirlles ‘miraeh, escoita que chidigo’. Adoita acompañarse de invasión corporal, función de contacto cenital e noxo xeral. Explicatio non petita mansplaining que me prestas.

MANSPREADING: (EscarrancHoming, en galego) Célebres lingüistas veñen de consensuar que o lexema “prea” é a raíz culta do termo, que despois xirou cara á zona anglosaxoa. Ten que ver coa actitude corporal do home en espazos públicos estomballándose cun xeonllo apuntando ao este e outro ao oeste polo que o seu falocentrismo se fai máis céntrico ca nunca expoñendo a todas as olladas a rosa dos ventos.

MEMBRA: Palabra conflitiva do feminismo. Se es home e non podes pronunciala sen rir, marearte ou infartar, non es dos nosos.

PATRIARCADA: Comportamento machista tan desmedido e podre que revolve o estómago e produce retorzóns.

SISTERHOOD: (ver SORORIDADE) Anglicismo que significa sororidade ao mesmo tempo que celebra a figura da irmá feminista de Robin Hood.

SORORIDADE: Outra palabra do feminismo que ten a súa complicación xa que, ademais de significar unión entre mulleres, trata de que todo macho infiltrado sexa descuberto ao tratar infrutuosamente de reproducila oralmente.

TODOPIROLOS: Confraternización ou reunión de homes enarborando os seus atributos (calesquer) con orgullo e fachenda. Sirvan como exemplo gráfico os mosqueteiros que, de xeito falocéntrico, medían e refacholaban as súas armas. Polo xeral, os todopirolos adoitan aplicarse a convencións de absoluta competencia masculina como os dereitos das mulleres, o aborto, a lei de violencia de xénero e outros.

E por haber, habería moitas máis, aínda que para atravesar con gloria e elegancia as augas bravas do feminismo, éche boa dorniña.

Non se merecen!

Emma Pedreira
Publicado en Adiante.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies