Gonzalo López Abente

No tránsito do século XIX ao século XX a crítica literaria fala dunha xeración sen demasiada coherencia de grupo e sen angueiras comúns. Deixamos atrás o Rexurdimento e antes da Xeración Nós e das Vangardas, os estudosos sitúan a chamada Xeración de Entre Dous Séculos. Estes autores –entre os que estarían Antonio Noriega Varela e Gonzalo López Abente– serían a porta da poesía galega do século XX. Ao autor de Muxía –Gonzalo López Abente– dedicamos, a continuación, unhas breves liñas de homenaxe.

Vida e obra de Gonzalo López Abente

López Abente
López Abente e familia

Emparentado por liña materna con Eduardo Pondal, Gonzalo López Abente naceu en Muxía o día 24 de marzo de 1878 e finou na mesma vila o 24 de xullo de 1963. Estuda o Bacharelato en Santiago de Compostela e a continuación cursa a carreira de Dereito na mesma cidade. Tras rematar os estudos, traballou –e residiu sempre– como funcionario de banca na súa vila natal. En 1937, polo seu compromiso galeguista e republicano, será apartado do seu traballo na banca. Tras o triunfo franquista, foi tamén depurado do seu traballo como xuíz municipal suplente.

López Abente participou una dirección da Irmandade de Amigos da Fala de Muxía e colaborou en Ronsel, Nós, Rexurdimento, El Noroeste e A Nosa Terra. Tamén participou en empresas culturais como a Colección Lar ou o Seminario de Estudos Galegos. En 1941, ingresa na Real Academia Galega co discurso: “A terra e a poesía de Eduardo Pondal”. Esta institución dedicoulle o Día das Letras Galegas do ano 1971.

Polo que respecta á obra de Gonzalo López Abente, podemos sinalar no apartado de poesía:

Escumas da ribeira (sen datar), Alento de raza (sen datar), De outono (1924). Serían obras que poderiamos incluír na escola chamada “poeta da raza” xunto con Ramón Cabanillas. Por outro lado, Nemacos (1929), Centileos nas ondas (1958) e Decrúa (póstumo, 1966) conterían composicións máis depuradas e de carácter intimista. En 1971, postumamente, publícase Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Son quince poemas dedicados á patroa da súa vila.

No tocante á obra narrativa de Gonzalo López Abente, podemos sinalar as seguintes novelas curtas: O diputado por Beiramar (1919), O novo xuez (1922), O escándalo (1920). Estas obras presentarían inquietudes sociais. Mentres que Buserana (1925) e Fuxidos (1926) estarían na liña da literatura popular, contendo os dous relatos un trío amoroso. A súa única incursión na novela longa é Vaosilveiro (1929), na que un abade refire ao seu sobriño a historia señorial do pazo do mesmo nome.

Gonzalo López AbenteTamén López Abente, como os outros autores das Irmandades, quixo escribir teatro como instrumento de concienciación, especialmente respecto ao idioma. Así, da súa autoría é a comedia sentimental en dous pasos María Rosa (1928). A obra foi estreada en 1921, correndo a representación a cargo do Cadro de Declamación das Irmandades da Fala da Coruña.

Como diciamos ao principio, escritores como Gonzalo López Abente ou Antonio Noriega Varela son a unión entre dúas épocas brillantes dentro das nosas letras: a do Rexurdimento e a de Nós. Tras o brillo de Rosalía, Pondal e Curros, non é fácil manter o seu nivel, pero estes autores abren a porta a outra época non menos brillante.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Escolma de poemas de Gonzalo López Abente

A MIÑA TERRA (de De outono)
Oh, quen poidera, miña doce prenda,
xuntar as espalladas armoñías
que o tempo vello co fulgor dos días
ceibou no ensoño da dourada lenda.

E quen poidera da futura renda
que fabrican as fadas ás porfías,
mostrar as mallas, en que ti verías
o máxico esprendor da túa senda.

Quen poidera pintar no azul do ceo
o que no fondo dos teus ollos leo;
ter o outo son dos procelosos mares,

no Parnaso unha musa proteutora
e de xionllos aos teus pes, Señora,
cantar outro cantare dos cantares.

O BARDO BERGANTIÑÁN (de De outono)
Vello Bardo, saúde. Teu alento
non se apagou coa vida. Vén a morte
tan soio para os homes cuia sorte
é vulgar. Ti de cote, coma o vento,

fungas baril no duro pensamento
da túa obra san, baruda e forte.
Es o coloso de guerreiro porte
e iauga caudal que racha o firmamento.

Tes os máxicos sons da rexa loita
e do santo furor os aloumiños;
esguisas o crespón que a terra enloita

e agarimando do porvir os niños,
ergues a testa nunha gandra enxoita
coma un pino lanzal de Bergantiños.

MUXÍA (de Nemancos)
Brandamente deitada no medio da ribeira
e ollando cara o ceo, acouga silenciosa
a branca e melancónica e doce compañeira
dos outos penedás da brava costa nosa.

Tecelana de ensoños, fabrica na almohada
as randas milenarias dos albos areales
que treman milagreiros, na mañán encalmada,
nos refrexos azús dos mariños cristales.

E nos días de inverno, cando a fera tormenta
desatada en furores enrabexada alenta,
envolta no mantelo de vaporosa bruma

satisfeita sorríe e soña adormecida
no leito mol e morno que a iauga remexida
ofrécelle con tombos e folerpas de escuma.

CENTILEOS NAS ONDAS (de Centileos nas ondas)
Lostregueante choviscar de estrelas
No escuro seo dunha noite en calma;
Labarada de anceios e de arelas
A arder na seca gándara da ialma.

Anceios meus de lles roubare aos mares
Rondas de escuma, pérolas nacradas,
Rebrilos de ronseles estelares
Nos albos colos das mariñas fadas.

Ladrón, a vixiar nas penedías,
Nas pardas lombas dos adustos cabos,
No fervente balbor das ardentías,
Nas mouras furnas, nos rochedos bravos,

No brancore dos seixos dos coídos,
No morno abrigo das arnelas fondas…
Só puiden apañar estes louridos
Centileos nas ondas.

O NEBOEIRO (de Decrúa)
A Castelao
Tiña dous carros no curro
do seu pazo solarengo…
—Un grande e pesado e outro
menos grande e máis lixeiro—.

Arrentes deles pasaba
o atán sonado vieiro
por onde o señor Sant-Iago
veu espallando o evanxeo.

Os ladróns a meia nuite
desfechan portas ao vento,
tapan a cara da lúa
e asesinan o silenzo.

O pazo, o curro e os carros,
derrubados e desfeitos,
deixa o fero capitán
da colla de O Neboeiro.

¡Que disgracia! polo mar
a chorar os mariñeiros
que xa navegar non poiden
con rumo seguro e certo.

¿Ulo o farol lucidío
daquele carro pequeno?
¡Mataron o Brandariz
no xiado Norte preso!

Galiza, 1953.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Para saber máis de Gonzalo López Abente:

Ficha de Gonzalo López Abente na Real Academia Galega

Fundación Gonzalo López Abente

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

En Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca, Gonzalo López Abente cántalle á Virxe da Barca. O mesmo fai Federico García Lorca. Deste último é a letra que musica e interpreta Amancio Prada e Cantigas e agarimos:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies