Himno e bandeira: símbolos nacionais de Galiza

Símbolos nacionais de Galiza

Palestra himno en bandeira de GalizaA Plataforma Vía Galega vén de editar o caderno Símbolos nacionais de Galiza. O himno e a bandeira. Os autores do traballo son Manuel Ferreiro, catedrático de UdC, máximo especialista e investigador do noso himno e da obra de Eduardo Pondal, e Xoán Costa, profesor, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza e investigador da nosa bandeira.

No limiar do caderno, Vía Galega sinala que o obxectivo da publicación é popularizar e divulgar os nosos símbolos nacionais, coñecer a súa historia e significado. Tanto o himno como a bandeira –sinala Vía Galega– represéntannos e identifícannos como Nación. Son a expresión do ser colectivo e da nosa existencia como Pobo e do dereito a existir libremente. Vía Galega vese na obriga de procurar a máxima propagación e coñecemento dos nosos símbolos nacionais.

Palestra himno en bandeira de GalizaSegundo o profesor Manuel Ferreiro:

O Himno Galego nace, igual que outros himnos nacionais, a partir dun certame convocado para ese fin. Con data de 22 de maio de 1890, o Orfeón Coruñés n°4, dirixido por Pascual Veiga, músico mindoniense de recoñecida traxectoria nacionalista, convoca un Certame Musical na Coruña, que contén unha sección dedicada á composición, con un premio á mellor “marcha rexional galega” escrita para orfeón sobre o texto do poema Os Pinos do “ilustre vate” Eduardo Pondal.

Palestra himno en bandeira de GalizaHaberá que esperar arredor de dezasete anos para poder escoitar a primeira interpretación solemne do noso himno, tal como sinala o profesor Ferreiro:

Así, o himno foi interpretado solemnemente por primeira vez o día 20 de decembro de 1907, no Gran Teatro da Habana, nunha importante velada para honrar a memoria do músico mindoniense. A partir destas datas, o Himno xa ten presenza en todas as actividades oficiais da comunidade galega en Cuba, que en 1909 “reenvía” o texto e a partitura para Galiza. A partir deste momento, o himno de Pondal & Veiga comeza unha rápida expansión, provocando o esquecemento das outras propostas hímnicas que na Galiza ou nas comunidades emigradas existían.

Palestra himno en bandeira de GalizaCo paso do tempo, o texto de Pondal foi sufrindo alteracións. Así o sinala Manuel Ferreiro –quen rescatou a versión orixinal–:

No entanto, debe ser sinalado que o texto do Himno aprobado na Lei de Símbolos de 1984 presenta problemas relativos á presentación formal e a cuestións tipográficas (o texto do noso himno é un diálogo). Máis aínda, aparecen algúns importante erros alleos á vontade de Eduardo Pondal que, con certeza, son produto dunha transmisión irregular do poema, inicialmente difundido nas comunidades galegas de América a partir de imprentas que serían, en xeral, estrañas a Galiza e ao galego. Se a isto lle sumamos que é un texto cantado, temos a explicación para unha acumulación de erros que será necesario corrixir para rehabilitar integramente o noso símbolo nacional máis evidente.

Himno galego

Conclúe o traballo o profesor Ferreiro facendo un chamamento a sentirnos orgullos do noso himno:

Certamente, o Himno é un dos selos que certifican a existencia da nación galega: neste sentido, todos nós podemos –e debemos– estar orgullosos da existencia e da vixencia dun símbolo que naceu e que pervive para mostrar publicamente a pertenza de todos os galegos e galegas a unha mesma Patria, Galiza.

Palestra himno en bandeira de GalizaOutro dos símbolos nacionais de Galiza é a bandeira. O profesor –e presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza– Xoán Costa é un estudoso da nosa bandeira, desde as súas orixes ata a forma actual. Segundo el, a nosa bandeira “coa forma e proporcións con que hoxe a coñecemos, é unha realidade a finais da década de 1880 e comezos da de 1890. Con todo, sinala que “antes de alcanzar a forma definitiva, pasaron máis de setenta anos en que a bandeira foi só un concepto sen forma física en que se espellar”.

A partir de 1808, inicio da invasión de Napoleón, será cando os galegos e galegas poidan ver a primeira imaxe da que máis tarde sería a nosa bandeira. Sinala o profesor Xoán Costa que:

Aínda non se identificaba como bandeira de noso o pavillón que o Batallón Literario de Santiago levou á guerra, mais aquela bandeira é o máis parecido ao que na derradeira década do século dezanove acabou por se identificar coa bandeira de Galiza, pois esa “seda branca con cenefa azul” identificaba como provenientes do Reino da Galiza os máis de 1300 mozos que a seguían camiño das terras da meseta.

Palestra himno en bandeira de GalizaSerá a partir de 1878 –sinala Xoán Costa– cando comeza a ondear a bandeira física que ten como elemento identificador algo “azul e branco”. Para o profesor, a expresión “raso azul e braco” que con tanta frecuencia aparece na prensa, á altura de 1892, é sinónimo de bandeira galega.

Xa no século XX, aumentou a popularización da bandeira. Sobre a franxa azul foron aparecendo diversos elementos: un cáliz, unha vaca, unha labrega, dragóns, unha estrela de cinco puntas ou unha serea. Mais, sen dúbida, será a estrela de cinco puntas a que alcance maior popularidade e simboloxía política ao adoptala o soberanismo como propia e a da serea por debuxala Castelao.

Palestra himno en bandeira de GalizaSobre a estrela vermella de cinco puntas, Xoán Costas sinala:

A presenza da estrela vermella de cinco puntas, sobre a franxa azul da bandeira, podemos documentala desde 1976, aínda que a decisión de utilizar unha estrela como símbolo de liberación nacional e indicativo de que o nacionalismo tiña un carácter absolutamente popular e de esquerdas, partía do ano anterior, de 1975, ano en que a Unión do Povo Galego decide situar a estrela no centro da bandeira.

Na actualidade, a bandeira oficial da Galiza, o seu uso e proporcións está regulado pola lei 5/1984 de 29 de maio de 1984 e incorpora o escudo sobre a franxa azul.

Bandeiras de Galiza

Como sinala a Plataforma Vía Galega: Restituamos, entre todos e todas, o noso Himno cantando a versión orixinal e ondeemos permanente as nosas bandeiras, como unión e afirmación patriótica dunha nación que ten vontade e aspira a ser libre.

Acto de izado da bandeira
Acto de izado da bandeira na Coruña, o 19 de novembro de 2022

Unha resposta

  1. Teño entendido que a badeira galega naceu no século XIX e está inspirada na bandeira da Comandancia Naval da Coruña.
    A bandeira coa estrela, coido que é unha bandeira partidista, non de tódos os galegos e galegas. A única bandeira que representa a toda a cidadnía galega e por tanto á nosa nazón, é a aprobada oficialmente polo Parlamento de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies