I Asemblea Nacionalista (104 aniversario)

Despregue da estreleira

A Plataforma Vía Galega –da que forma para a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda– convocaba este sábado unha campaña extensiva para izar bandeiras galegas por todo o país, coincidindo co 104 aniversario da Asemblea Nacionalista Galega.

Na Coruña, o acto –conducido por Isabel Risco– tivo lugar no Paseo do Parrote, diante da muralla do Xardín de San Carlos.

Nesta celebración de unión e afirmación patriótica dunha nación que ten vontade e aspira a ser libre, membros da Asociación Veciñal Agra do Orzán leron poemas en homenaxe á nosa bandeira e aos nosos símbolos.

Despregue da estreleira

O profesor e presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, Xoán Costa –estudoso da nosa bandeira–, leu o texto que transcribimos a continuación:

FAS e NEFAS

 

O calendario romano contemplaba días FAS e días NEFAS. NEFAS foi o 19 de novembro de 2002, un día que virou negro o branco da nosa bandeira. FAS foi o 19 de novembro de 1922. A selección galega, con pantalón azul e camiseta branca,  xoga o seu primeiro partido e derrota por 4–1 o combinado do centro.VÍA GALEGA levou a cabo a campaña Galiza, un pobo unha selección co obxectivo de dar a coñecer os logros das nosas deportistas.

 

Hoxe, 19 de novembro de 2022 é tamén un día FAS. VÍA GALEGA promove un acto de izado de bandeira que se estende por toda a Galiza. Como naquel acto de Compostela de 1822 de homenaxe á bandeira do Batallón Literario, hoxe galegas e galegos, do Courel a Compostela e da Coruña a Noia, celebran, celebramos, que temos símbolos.

 

Día FAS foi tamén aquel 17–18 de novembro de 1918, cuxo aniversario (104) está na base desta convocatoria, en que a Asembleia nazonalista de Lugo reclama a “autonomía integral da nazón galega”.

 

A bandeira que hoxe iza VÍA GALEGA é o resultado, a evolución, daquela que en 1808 o Batallón Literario de Compostela levou á guerra contra os franceses. Mortos case todos os estudantes, a Praza da Quintana acolleu para sempre a súa lembranza e desde aquela algo azul e branco percorreu os camiños todos da Galiza. Coa forma e proporcións con que hoxe a coñecemos acompañou Rosalía a Bonaval e entrou no século XX como pavillón das Irmandades da Fala ou do Partido Galeguista. Camiñou seguindo a estrela liberadora e atopouna en 1976. Esa é a bandeira que hoxe iza VÍA GALEGA. Por iso hoxe é un día FAS. Cheguen moitos máis coma este!

Despregue da estreleira

Seguindo a chamada de Vía Galega, este sábado,19 de novembro, ao longo das comarcas da Galiza houbo diversos actos nos que se realizou o izado de bandeiras galegas, conmemorando o 104 aniversario da I Asemblea Nacionalista.

Tal como sinala a Plataforma Vía Galega, os nosos símbolos represéntannos e identifícannos como Nación. Son a expresión do ser colectivo e da nosa existencia como Pobo e do dereito a existir libremente.

Procuremos, como nos pide Vía Galega, a máxima propagación e coñecemento dos nosos símbolos nacionais. Eles identifícannos como nación.

Despregue da estreleira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies