Porque os libros, dalgunha maneira, deséxannos. Chámannos.
Abrámolos, pois.
Escoitemos esa chamada.
Había unha vez…
Foi daquela cando…
Dicía Scherezade… (Xavier Seoane)
@s lector@s somos unha tribo amadora e resistente, sempre a facer apoloxía, falando de libros ou falando do desexo e gozo da lectura. Así que imos animarvos hoxe a que nestes días de compras e de galanos, o agasallo escollido sexa un libro, ou dous, ou tres ou catro…, LIBROS PARA TOD@S.
Queremos reivindicar, celebrar, impulsar, chamar a máis xentes á lectura, poñernos como un deber neste ano que comeza asumir a tarefa de contribuír a facer lectores e lectoras que (parafraseando a Celso Emilio) len porque si, porque lles peta, porque lles gusta, porque lles sae de dentro, alá do fondo!
Deixou dito o escritor e editor Alberto Manguel: Ler será no futuro un acto de rebeldía. Así que para comezar a forxar rebeldes imos hoxe animar a lectura a través da pintura.
E podemos comezar por esta Moza con libro, de Pietro Antonio Rotati (1707-1762). Que contará ese libro? Ese sorriso, eses ollos, que acabarán de ler?
Ou esta Muller lendo de Pieter Janssens Elinga (1623–1682).
Ou viaxar até o Renacemento e botar man de Antonio Allegri Correggio (1489 –1534).
Ou de Domenico Fetti (1588-1623) e esta moza de roupas humildes mais gozando coa lectura porque xa o dixo Rubén Darío: O libro é o telescopio con que se ve o infinito.
Para aquelas atraídas polo impresionismo debedes saber que tanto a Edgar Degas (1834- 1917) como a Pierre-Auguste Renoir (1841-1919) lles gustaba retratar a mulleres lendo.
Tamén temos obra de Henri Matisse (1869 – 1954) para amosarvos hoxe…
E de Claude Monet (1840-1926)
Se ti es máis de Pablo Picasso (1881-1973) tamén che podemos amosar obra del. Xa ves que aquí a lectura semella un acto para realizar en compañía.
Ou podemos pararnos a admirar a obra de Aleksandr Deineka (1899 –1969), unha das máis destacadas figuras do Realismo socialista.
Ou gozar con Antoine Joseph Wiertz (1806 – 1865) pintor romántico belga.
Ou parase a contemplar esa Moza lendo de Theodore Roussel (1847- 1926) que foi considerado pola crítica do seu tempo como o mellor nu da época.
Non deberiamos buscar só pintores europeos: que che parece esta obra do pintor brasileiro Aldemir Martins (1922- 2006)?
Ou podemos botar man do pintor estadounidense, Edward Hopper (1882- 1967)
Ou admirar a obra de William McGregor Paxton (1869 – 1941)
E aínda podemos contar co pintor naturalista Allan Banks, con esta muller lendo unha tarde soleada.
Ti es das que prefires obra artística de mulleres?
Podemosche amosar obra de Mary Stevenson Cassatt (1844 –1926)
De Tamara de Lempicka (1898 -1980) a retratista más importante do estilo Art Decó.
De Florence Ada Fuller (1867 – 1946) a artista australiana nacida en Sudáfrica.
Ou de Charlotte Salomon, pintora xudía de orixe alemán, asasinada no campo de concentración de Auschwitz.
Sen esquecer, claro, A escola de Doloriñas de Xulia Minguillón (1906 -1965) porque escola e lectura van sempre moi unidas, mais é ben certo que seguimos aprendendo a ler moito despois de deixada a escola. Empreguei oitenta anos para aprender a ler e non podo dicir que domine ese labor (Goethe)
E rematamos como empezabamos cunha cita de Gabriel Zaid, pensador mexicano de ascendencia palestina: Ler non serve para nada, é un vicio, unha felicidade.
Unha resposta
Bendita felicidade!!!