Letras Galegas de 2022 para Luísa Villalta

Luísa Villalta

Fronte á rutina, o rito da palabra tensa a pel
(Luísa Villalta)

Con catro meses e catro días de diferenza falecían Xela Arias, en Vigo (2003) e Luísa Villalta, na Coruña (2004). Con tan escasa marxe de tempo, o mundo literario e cultural galego viuse sacudido polo que, en 1612, xa escribira no seu soneto Pedro Vázquez de Neira:

Morte cruel, esa traidora maña

de roubar de socato a humana vida

A pesar de faleceren moi novas, tanto Xela como Luísa deixáronnos unha obra considerable e unha vida comprometida cos demais e co país.

Este 2021 é o ano de Xela Arias. Acercámonos á súa obra –e á súa vida– e, sen dúbida, a homenaxe das Letras Galegas contribuíu –e contribúe– a este (re)coñecemento da autora lucense.

Queda aínda medio ano no que Xela seguirá tendo o merecido protagonismo pero, como a vida non se detén, a Real Academia Galega –como soe ser habitual– escollerá en datas próximas a figura homenaxeada nas Letras Galegas de 2022.

Non é a primeira vez que desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda pedimos que as Letras Galegas de 2022 homenaxeen a Luísa Villalta.

Luísa Villalta socia de honra acab

Desde o ano 2004, Luísa Villalta é socia de honra da nosa Agrupación Cultural. Desde esta páxina, queremos –e debemos– seguir demandando a merecida homenaxe das Letras Galegas para a nosa socia de honra.

Placa a Luísa villaltaNada na Coruña en 1957 e falecida no 2004, Luísa Villalta é unha das autoras imprescindibles do último cuarto do século XX. Licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego–Portuguesa, Luísa Villalta escribiu e amou a poesía. Libros seus son: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995), Apresados sen présa (2002), Estudo das sombras (2002), Modulación de Orfeu (2002), En concreto (2004) e Papagaio (2006).

Docente de Lingua Galega e Literatura, Luísa Villalta tamén amou a música. Era titulada superior en violín e formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia.  Da súa autoría son igualmente textos arredor da música.

Profesora, poeta, violinista e tamén dramaturga. Luísa Villalta escribiu teatro. Obras súas son: Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999).

Luísa Villalta foi unha persoa sensible e comprometida con Galiza, coa súa cidade e coa súa xente. A demolición do barrio coruñés do Papagaio, en marzo de 2001, non a deixou indiferente e a el dedica parte dos seus versos.

textos Luísa Villalta

Luísa Villalta: coa Cidade Alta (do Norte) tatuada nos ollos.

Prematuramente, tras desenvolver unha intensa actividade cultural, o día 6 de marzo de 2004 falecía na Coruña Luísa Villalta.

Lápida Luísa Villalta

Cemiterio de Santo Amaro
Familiares de Luísa Villalta diante do Cemiterio de Santo Amaro

Os seus restos descansan no cemiterio coruñés de Santo Amaro, onde tamén están os de Curros, Pondal, Murguía e tantos outros que –coma Luísa– amaban a nosa Lingua:

a nosa única música xenuína e incontrovertíbel: a nosa propria lingua, esa melodía peculiar, o ritmo con que medimos o noso presente.

Paseos en agosto: Luísa Villalta na Coruña.

Somos conscientes de que hai moitas figuras que merecen a homenaxe do Día das Letras Galegas, pero tamén consideramos que non se pode adiar máis a dedicada á nosa socia de honra. Por iso, desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda pedimos que as Letras Galegas de 2022 sexan para Luísa Villalta.

Luísa Villalta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies