Lino Braxe na lembranza

Cuspamos irmá sobre as espadas da morte!

Este 25 de Nadal deixounos un home vitalista, poeta, ensaísta, home de radio, articulista, artista plástico, dinamizador cultural, tamén músico, mais sobre todo home de teatro, actor, director, dramaturgo, actor de dobraxe… Inmensa fortuna a nosa ter gozado con el/e grazas a el da cultura: desde o teatro á poesía, desde a radio á plástica, desde a música ao ensaio.

A palabra polifacético íalle tan acaída que mesmo semella pensada para el.

Pertencente –como poeta– á que se denominou “Xeración dos 80”, deuse a coñecer na antoloxía De amor e desamor e logo os seus poemarios Entre ruínas, A caricia da serpe… Estudoso da obra de Jenaro Marinhas, de Luís Seoane, da súa/da nosa querida Luísa Villalta… sempre argallando un xeito de contribuír ao coñecemento de noso, axudándonos a ser máis sabias, a gozar da cultura que facemos, sempre anovador e innovador, sempre proxectando novos xeitos de contar historias…

Grupo de teatro Alexandre Bóveda
Grupo de teatro da AC Alexandre Bóveda. Foto de Víctor Echave

Actor de teatro, cinema e televisión, participou en Mareas Vivas, Pratos Combinados, ou Rías Baixas. Director do Grupo de Teatro da AC Alexandre Bóveda e director artístico do Memorial Ibán Toxeiro, centro e escaparate do noso traballo teatral, impulsor e presidente do xurado no noso Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle. O seu foi o alento que nos empuxou, facéndonos partícipes desa profunda simbiose entre o teatro amador e o teatro profesional, das súas propostas das que en ACAB tanto gozamos. Sempre dicía el que para dedicarse ao teatro había que valer, mais para dedicarse ao teatro amador hai que querelo. E, el valía e queríao.

Sempre entusiasta, de vida intensa, sempre animoso e divertido ao que a enfermidade non lle roubou nunca a paixón e a intensidade, a forza na defensa do que pensaba e no que cría.

Desde o afecto, máis tamén desde a admiración e o agradecemento, en nome da Asociación Cultural Alexandre Bóveda: Até sempre, amigo bo e xeneroso!

(Artigo publicado no diario La Opinión da Coruña)

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

O adeus a Lino nas redes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies