Lorenzo Varela, o compromiso do poeta do exilio

Lorenzo VarelaO golpe de Estado de 1936 e a ditadura franquista que veu despois supuxo o desmantelamento do sistema literario galego en Galiza. Estableceuse un réxime estrito de censura que desconfiaba de toda manifestación artística que non estivese en castelán. Por sorte, a cultura galega -e neste caso a literatura- tivo continuidade nos países de acollida dos exiliados. Crearon editoriais para publicar as súas obras, xornais, promoveron o teatro, conferencias, programas de radio en galego e todo tipo de actividades culturais que mantiveron vivo o galeguismo.

Con Castelao como guía e punto de referencia, os escritores exiliados cultivaron todos os xéneros literarios. Deste xeito, podemos salientar na poesía a Luís Seoane, Emilio Pita e Lorenzo Varela; na narrativa, a Ramón Valenzuela e Silvio Santiago; no teatro, a Manuel Varela Buxán. Grazas a eles e a outros moitos, esa liña que viña das Irmandades, de Nós e das Vangardas non se interrompe e a nosa literatura ten continuación fóra logo de 1936.

Como diciamos, un dos exiliados foi Lorenzo Varela. Nado en 1916, o noso autor falecía día 25 de novembro de 1978. A el dedicámoslle unhas breves liñas de homenaxe.

Vida e obra de Lorenzo Varela

Castelao escoitando a Lorenzo Varela
Castelao escoitando a Lorenzo Varela

Os biógrafos sinalan que Xesús Manuel Lorenzo Varela Vázquez naceu no barco La Navarre cando os seus pais, emigrantes orixinarios de Monterroso, estaban entrando no porto da Habana o día 10 de agosto de 1916. Os primeiros anos son un continuo viaxar da familia. Ese mesmo 1916 os pais volven a Monterroso ata que en 1920 collen outra vez o camiño de América, neste caso a Bos Aires. Aquí cursa Lorenzo Varela os estudos primarios. En 1931, a familia volve a Lugo. Será na cidade das Murallas onde estuda o bacharelato e participa na Federación das Mocidades Galeguistas. En 1934, marcha para Madrid para estudar Filosofía e Letras. Entra en contacto co grupo PAN (Poetas Andantes e Navegantes) e incorpórase ás Misións Pedagóxicas.

Despois do golpe de Estado de 1936, intégrase nas Milicias Populares e afíliase ao Partido Comunista. Defensor da legalidade republicana, en 1939 exíliase en Francia. Ese mesmo ano viaxa a México e en 1941 a Bos Aires. Militante do Partido Comunista arxentino, cando en 1946 gaña as eleccións Perón, Lorenzo Varela exíliase no Uruguai. Será en 1952 cando volte de novo á Arxentina.

Tumba de Lorenzo VarelaLorenzo Varela volveu do exilio en 1976, un home desfeito: non publicou nin reeditou nada. Morreu en Madrid o 25 de novembro de 1978 e foi soterrado nunha tumba anónima no cemiterio da Almudena. Tres anos despois, os seus restos foron trasladados ao cemiterio de Fufín, en Monterroso.

Por referirnos só á obra literaria en galego de Lorenzo Varela, temos que lembrar que en 1944, en Ediciones Resol, publicou Catro poemas para catro grabados destinado ao álbum de Luís Seoane María Pita e tres retratos medievais. En 1954, apareceu Lonxe, en Botella al Mar, cun prólogo de Arturo Cuadrado e ilustrado con dez xilografías de Luís Seoane. Loxicamente, os autores do exilio están fondamente marcados polas consecuencias da Guerra Civil e a súa experiencia do exilio. O ton cívico e social é o que predomina nos seus poemas.

Un dos dez poemas que compoñen o libro Lonxe é o titulado, “Compañeiros da miña xeración mortos ou asesiñados”:

¡Tan doce era a xuntanza miña e vosa,
de todos nós co mundo!
Facíamos un feixe de campos e de estrelas,
e, ó pisar ise chao que latexaba,
sentíamos subir pola sangue o misterio.
o noso corpo era o camiño da maxia,
a escada pola que viña a lúa,
o xume de tódolos segredos,
a canzón da herba que resucitou.
e o mismo verme era unha folla leda,
un mensaxeiro do sagrado alén.

 

Morréchedes, matáronvos, deixáronme.
Quedei eiquí, lonxe das vosas sombras.
e gardo, coma un morto,
no centro do silenzo, da sede, da agonía,
o día que vos poda levar á sepultura
unha cesta de pombas e mazás.
¡tan doce era a xuntanza miña e vosa,
de todos nós co mundo.

Como diciamos ao principio, o labor cultural galeguista que non se podía levar a cabo na Galiza despois de 1936, continuou nos países que acolleron os exiliados. Alí seguiu viva a literatura galega. Por citar só un caso, recordemos que en Montevideo estreouse, en 1941, Os vellos non deben de namorarse, de Castelao. Inmensa foi a aportación dos exiliados con Castelao á fronte. Así o soubo ver Darío Xohán Cabana e o cantou Suso Vaamonde:

Compañeiro Daniel de vida innumerable
como os astros do ceo i os camiños do mar
na tenebrosa noite da patria inhabitable
témoste no recordo con mao á luz alba.
A ti falo Daniel morto lonxe da terra
es noso i a túa luz alumea a escuridá
que nos deixou a historia de tres anos de guerra
en que os lobos mataron a luz e libertá.
Compañeiro Daniel, as pistolas sonaban
i enloitaron cunetas con sangue loitador
as pistolas sonaban i os bandidos berraban
a terrible victoria do odio e do terror.
E ti fúcheste lonxe predicar no deserto
pra erguerdes un exército que endexamais loitou
e morriches un día sin veres entreaberto
o camiño da volta que a túa alma soñou.
Pro na Patria abatida e do pobo explotado
nacimos nós os fillos da morte e do tristén
percurando furiosos vinganza e novo Estado
i unha roxa alborada sin cabo nin comén.
I a ti bo compañeiro que o furacán aleive
matou desesperado na outra banda do mar
Prometémosche a terra dunha Galicia ceibe
pra enterrar los teus ósos onde teñen que estar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies