Luísa Villalta na Coruña – Paseos en agosto X

Casa de Luísa Villalta

Nesta casa –número 6 da rúa Vila de Laxe, preto da Falperra– da Coruña viviu a escritora Luísa Villalta. A placa da Asociación de Escritores en Lingua Galega na fachada é moi expresiva e apropiada:

“Nesta casa viviu e soñou a poeta Luísa Villalta. Aquí as súas mans modelaron a lingua, os sons, o que habita no outro lado da música, na poesía.”

Placa na casa de Luísa Villalta

No poema titulado “A Estación” do libro En concreto (2004) fala da cidade –a súa cidade– como fin de traxecto:

Onde nós nunca pasan os trens

Só chegan ou parten

Por iso tamén somos nós

a nosa última estación

o noso amor definitivo.

Andén estación San Cristóbal

Pero tamén pode ser un glorioso comezo:

Onde nós non hai nunca outro destino

que ser un anónimo fin

ou un glorioso comezo.

Estación de San Cristóbal

 Unha cidade onde o vento é o protagonista, porén a poeta ámaa.

“Nada deixa o vento e nembargantes amo

este Cidade tatuada na pétrea pel do mar”

Vista do mar da Coruña

Luísa Villalta participaba en todas as iniciativas onde se reivindicasen liberdades sociais e nacionais. Unha cidade tan unida ao mar –tamén como forma de vida– era lóxico que espertase o seu interese e preocupación:

O avó é mariñeiro e non sabe como explicarse a si mesma e aos colegas da clase qué é exactamente o que fan os mariñeiros para traer o peixe no barco, para despois vendelo e que o cociñen na casa e o resto que si, que xa se sabe. O avó é mariñeiro e chama para Madrid, que ten moitas casas sen mar, a non ser o que se ve por televisión. Esta nena, coa súa nai, vive en Madrid porque o pai tamén andaba no mar e alá quedou. Por iso a nena non sabe exactamente como morreu seu pai, un día que saíu traballar como os demais pais que collen o coche, pero estes sempre, que ela saiba, volven de noite.

(De A idade das perguntas)

Dársena da Coruña

Coñecía Luísa ben todas partes e rúas da cidade:

“desde o mar Orzán, orixe da escuma ou seme vital”

Praia do Orzán

Na cidade do vento necesítase –con frecuencia– buscar un abrigo:

“Hoxe vestín a Cidade como todos os días

e saín polas rúas procurando un abrigo”

Rúa da Coruña

A CoruñaPlaca da rúa Luísa Villalta

Seguro que tamén buscaría abrigo solidario en tantas causas xustas que requerían a súa presenza. Ela tamén estaría co paraugas.

“Fronte á rutina, o rito da palabra tensa a pel

do mundo: un tambor que desperta. A pel estremece–se

porque recoñece a morte que baila fóra da tumba.

Isto é tamén unha muller que resiste.”

Cantóns da Coruña, paraugas

Sensible e solidaria, a demolición do chamado barrio do Papagaio –en marzo de 2001– non a deixou indiferente e a el dedicou Luísa os seus versos (con fotos de Maribel Longueira). Hoxe o barrio non é o mesmo e a lembranza de Luísa Villalta aparece por el.

Papagaio A Coruña

Praza do Papagaio

Vista da praza do Papagaio

“O Papagaio mudo, caído entre as flores das meias verdades

tinxía de cores charramangueiras

os dous lados do simulacro.

Os anos cincuenta de calquer século:

unha porta verde na cronoloxía repintada,

unha vez tras outra, da esperanza.”

Cartaces na praza do Papagaio

Profesora de Lingua e Literatura Galega, Luísa Villalta tamén amaba a música. Era titulada superior en violín e formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia. Igualmente, escribiu sobre a música:

“A música é sempre presente. Non cabe situala en nengunha outra coordenada temporal nen espacial que non sexa o aquí e agora.”

Música nos Cantóns

Como a “música é sempre presente”, as cidades necesitan da música. Luísa estaría contenta de ver as rúas polas que ela andaba “procurando un abrigo” cheas de música.

Música na rúa da Franxa

Luísa Villalta falecía aos 46 anos na Coruña –en 2004. O seu falecemento causou unha fonda conmoción no mundo da cultura. Os seu restos descansan no coruñés cemiterio de San Amaro.

Placa no cemiterio de Santo Amaro

“O peso do corpo achegábase á terra

coa substancia sutil da que se enche o desexo.”

Tumba de Luísa Villalta

Como sinala a placa da sepultura:

“Lembrarémoste sempre”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies