Manuel Álvarez Torneiro, poeta

Manuel Álvarez Torneiro

Outubro trae avisos, un imprevisto vértice de frío, unha capa de alporizadas plumas; pecha a mansións que o verán numerou, as vitrinas con sol e confituras, o fulgor reiterado.

..……….………………………………………

Dános oficios graves o outono, abre a memoria dos que foron felices, asedia un longo óxido, viste con ornamentos de sepelio, clausura e apodrece.

 

Hai que facer un lume ó que achegarse.

 

Hai que achegarse ó lume como enfermos.

 

(Manuel Álvarez Torneiro)

Castañas

O outono é tempo de vestir “ornamentos de sepelio“. O poeta sempre ten a verdade. O día 8 de outubro de 2019 falecía na Coruña o poeta Manuel Álvarez Torneiro. “Outubro trae avisos“, escribía Manuel.

Batían os ourizos na pereza das horas,

rizóns de ferro frío.

Nos círculos ociosos o terror era mudo.

Depredaban carnívoros abafos.

Nado tamén na Coruña –o día 7 de xullo de 1932–, a crítica sinala a súa “habilidade técnica” para compoñer, o “pouso inequivocamente existencial” de moitos poemas, o seu “talante culturalista”. Álvarez Torneiro esfórzase por ofrecernos unha poesía “de sabia construción arquitectónica”. Humilde e “fóra do xogo das modas”.

Busco un tempo perdido

na sopeitada morte:

a vosa luz gravada na ferida:

o que na sede entrou a buscar o desexo do tímido amador dunha beleza.

 

Alí, tan grave, profesei un dia:

nos hospicios da vida.

Ohl, luces doutro mundo na diaria derrota.

 

Rescato a arpa da paixón,

o hendecasílabo tallado en vidro insomne, os segredos dos nomes, as significacións.

Na poesía de Manuel Álvarez Torneiro está presente o amor, a morte, o paso do tempo e a esperanza:

Que vello está este día

que nada novo trouxo!

Os ángulos da brasa

En 2013, Manuel Álvarez Torneiro gañou o Premio Nacional de Poesía pola obra Os ángulos da brasa (2012). É o primeiro libro escrito en galego que gaña este galardón outorgado polo Ministerio de Cultura do Estado.

Mar brava

Cando aquí veña o mar a pronunciarse

como se eu estivese aínda nun desvelo,

ou exaltando un corpo

no camiño que saben as tormentas,

ou como demorándome:

luz de fondo de astro que insiste e pide fe…

Como diciamos, no outono de 2019 falecía na súa cidade –A Coruña– Manuel Álvarez Torneiro, un poeta que fixo máis grande a poesía:

Eu fun sempre moi crítico e esixente comigo mesmo, e non empecei a publicar ata que empecei a sentirme maduro para facelo. Tiña gardadas moitas cousas escritas pero non me atrevía a publicalas porque son alguén que volvo moito sobre o texto, corrixo continuamente, coido moito o vocabulario, a expresión, a medida dos versos, o ritmo.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Para saber máis:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies