Manuel Antonio: a vangarda poética

Manuel AntonioNas primeiras décadas do século XX, aparecen en Europa un conxunto de movementos de renovación estética que van revolucionar todos os aspectos da arte. É o denominado vangardismo. Un dos terreos que sufriu a renovación estética foi o literario. Imitando o cambio producido en Europa, tamén en Galiza, nos anos 20 e 30, chegou a influencia do vangardismo á literatura. Temos, polo tanto, unha nova xeración de autores que van levar a cabo a renovación da poesía galega. Son os denominados vangardistas, novecentistas, xeración do 25 ou xeración do 22. Se ben a crítica non fala dun desenvolvemento pleno de movementos de vangarda nas nosas letras, o certo é que autores como Manuel Antonio, Amado Carballo, Álvaro Cunqueiro e Bouza-Brey, intentaron incorporar as novidades (os ismos) das vangardas. Ao primeiro que citamos –quizais o máis propiamente vangardista–, a Manuel Antonio, dedicamos, a continuación, unhas breves liñas na súa lembranza.

Vida e obra de Manuel Antonio.

Manuel Antonio coa súa naiManuel Antonio Pérez Sánchez naceu en Rianxo o día 12 de xullo de 1900 e finou en Asados (Rianxo) 28 de xaneiro de 1930. Orfo de pai aos catro anos, pasa a maior parte da súa infancia coa avoa materna e cun tío crego en Iria Flavia e Padrón. Con once anos, temos a Manuel Antonio estudando o bacharelato en Compostela. Aquí decántase polo republicanismo e polo galeguismo. Nas súas estadías en Rianxo relacionouse con Rafael Dieste co que compartía o interese pola literatura e o nacionalismo, e mais co seu curmán Roxelio, que o animou a participar na vida literaria e na política.

Entre 1919 e 1923, cursa estudos de Náutica en Vigo. Son anos de formación cívica e cultural: le moito –especialmente os poetas vangardistas–, ingresa na Mocidade Galeguista e fai amizade cos intelectuais galegos da época, cos que manterá correspondencia: Risco -que será o que lle dea noticia dos movementos vangardistas que apareceron en Europa e na Península-, Vilar Ponte e Castelao. Tamén, por esta época, envía poemas ás publicacións periódicas galeguistas ou republicanas do momento (A Nosa Terra, Galicia, Ronsel…). De 1919 é o soneto “O sol da liberdade”, o seu primeiro poema publicado.

FoulasEn 1922, publica xunto co pintor Álvaro Cebreiro o manifesto Máis alá!. Nel, arremete contra “os vellos” e propugna unha renovación estética e temática afastada do ruralismo decimonónico. No tocante á lingua, amosa “a máis agresiva intransixencia na Fala”. Para Manuel Antonio, a lingua galega é a ferramenta ideal dos escritores galegos.

Entre 1926 e 1927 fixo as prácticas de piloto da mariña mercante a bordo do pailebote Constantino Candeira, do que é capitán Augusto Lustres Rivas, a quen lle dedica De catro a catro, o poemario concibido durante as travesías nese barco. Nos dous anos seguintes, fai tres viaxes a América, pero a finais de 1929 desembarca en Cádiz por mor do agravamento da súa tuberculose, que lle provocará a morte, como xa dixemos, o día 28 de xaneiro de 1930.

A produción poética de Manuel Antonio é breve, arredor de 120 poesías clasificadas nos seguintes poemarios ou grupos de composicións:

  • Con anacos do meu interior; 18 poemas; escrito entre 1920-1922.
  • Foulas; 28 poemas; escrito entre 1922-1925.
  • De catro a catro; 19 poemas; escrito entre 1926-1927.
  • Sempre e mais despois; 8 poemas; escrito con posterioridade a De catro a catro.
  • Viladomar; 6 poemas; escrito en 1928.
  • Poemas soltos datados; 27 poemas escritos entre 1918-1928.
  • Poemas soltos non datados; 15 poemas, algúns deles aparecen escritos nos últimos tempos da vida.

De catro a catroA crítica literaria sitúa a Manuel Antonio –sobre todo con De catro a catro– dentro do creacionismo. Un ismo que prescinde de toda mímese máis ou menos realista, pois o poeta pretende crear unha realidade autónoma. A técnica deste movemento xira arredor da imaxe como recurso case exclusivo. A irrupción de Manuel Antonio nas letras galegas con De catro a catro supuxo unha auténtica ruptura coa tradición. Os entendidos sinalan unha tripla orixinalidade na súa poesía: Unha orixinalidade lingüística debida á presenza de numerosos cultismos e o emprego por primeira vez nas nosas letras do léxico da navegación, unha orixinalidade temática debida a que tamén por primeira vez –coa excepción dalgunhas cantigas medievais de Paio Gómez Chariño– se ofrece unha visión do mar desde o propio mar e, finalmente, unha orixinalidade formal debida ao tratamento rupturista e as imaxes vangardistas.

Como diciamos, Manuel Antonio é o poeta vangardista que realmente rompe coa tradición literaria galega.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Escolma poética de Manuel Antonio

S.O.S

Todos presentíamos que a noite
preparaba algún sofisma
E o faro estraviado
daba o S-O-S
n-o morse
…………-clave Orión-
…………………………d’as estrelas

Eses brazos abertos d’a vela
son os mesmos d’o vento
que se despreguizou
N-a man d’o Mar esquencidizo
os loceiros peteiran a bicada
A estrela d’os cabarets
c’un cigarro n-os beizos
pide lume aos catro puntos cardinaes
Pol-a Galaxia chea de seixos
un astro vello vai c’o seu farol

Que dan os almanaques
pra esta meia-noite?
Pero aínda non sabemos
de que banda vai chegar a meia-noite
E o faro estraviado
vai esgotar o seu stock de S-O-S.

……………………….

sós

Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós

Roubanron-nos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

Roubaron-nos o vento
Aquel veleiro que se evadeu
pol-a corda floxa d’o horizonte

Este oucéano desatracou d’as costas
e os ventos d’a Roseta
ourentaron-se ao esquenzo
As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas d’o reloxe
Pero tamén sabemos a maniobra
d’os navíos que fondean
a sotavento d’unha singladura

N-o cuadrante estantío d’as estrelas
ficou parada esta hora:
O cadavre d’o Mar
fixo d’o barco un cadaleito

…..Fume de pipa……… Saudade
…..Noite…… Silenzo…. Frio
…..E ficamos nós sós
…..Sin o Mar e sin o barco
…..nós.

…………………………
NAVY BAR

Este bar ten balances
E tamén está listo
pra se facer á vela

Encheron-nos o vaso
con toda a auga d’o Mar
pra compor un cock-tail de horizontes

Pendurados d’as horas
atlas xeográficos d`esperantos
están sin tradución
E tatexan as pipas
c’o ademán políglota d’as bandeiras

Ese cantar improvisado
………………………………é o mesmo
que xa se improvisou n-algures

Quen chegou avisando-nos
d’esa cita noiturna que temos
c’o vento ao N E
n-a encrucillada d’as estrelas apagadas?

Eiquí bebe de incónito
O Mariñeiro Desconecido
-sin xeografía nin literatura-
A noite d’os naufraxos
c’o seu brazo salvavidas
aferrará con nosco unha vela de chuvascos

O vaso derradeiro
estaba cheo de despedidas

Pol-as ruas dispersas
ibamo-nos fechando
cada un dentro d’a sua alta-mar

N’o repouso d’algún vaso
todal-as
noites naufraga o Bar.

…………………..

O CARTAFOL D’O VENTO

O vento perdeu as follas
d’o seu cartafol
-esas que os chuvascos
……………………………mecanógrafos
tecolean n-o manual d’os mastros?
As gavotas non teñen quitasol
pero fan raudos equilibrios
po-lo aramio transparente
de todal-as ortodrómicas d’o ceo
O pailebote sin velas
-Serán esas que o vento
levou n-o seu cartafol?
Tamén fai equilibrios n-o ronsel
C’a boca aberta
-cai-lle a baba-
está mirándo-nos o babión d’o Sol.

…………………………

AO AFOGADO

Xa che levaran os ollos
relingadores de lonxanías
e pescadores de profondidades
Xa che levaran a voz
asolagada n-a furna xiróvaga
por onde escoan as tempestades
Xa che levaran os azos
enmallados n-a rede sonora
d’os cordaxes ereutos
O vento aínda escovaba
c’as poutas d’escuma
n-a xerfa
…………..mais cadaleitos
Ibas xuntando soedades
Por un burato d’o Mar
chopaches un día a buscarte
A noiva goleta
enloitada de branco
que cose roitas esquencidas
acena n-o vento as suas velas
como ese pano d’as despedidas.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Para ter máis información de Manuel Antonio:

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Víctor Freixanes recita o poema Sós de Manuel Antonio:

O grupo Aerials canta o poema Sós:

O grupo Milladoiro interpreta Sós:

Versión musicada do poema Navy Bar de Manuel Antonio nun espectáculo na Habana (2008) de Rómulo Sanjurjo e Lino Braxe:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies