Este colexio da zona do Ventorrillo na Coruña leva o nome da pedagoga, escritora e profesora María Barbeito.
Unha boa homenaxe a unha docente é darlle o seu nome a un colexio, neste caso, CEIP María Barbeito. Nada na Coruña en 1880 e logo de cursar a carreira, María Nicolasa Paula Barbeito Cerviño escolleu como destino a Escola Graduada Pública de Párvulos “Da Guarda”, na Coruña, da que foi directora.
María Barbeito converteu a escola en pioneira da renovación pedagóxica. Unha metodoloxía baseada en fundamentos psicopedagóxicos de liberdade e autoactividade das nenas e nenos nun ambiente que favorecía o seu desenvolvemento.
Co triunfo do golpe de estado en 1936 foi afastada do seu posto de mestra das escolas Da Garda. En 1941, foi destituída dos seus cargos académicos e obrigada a xubilarse. A partir de entón, inicia unha nova etapa dedicada á escritura e á tradución do francés.
Na pedagoxía, interesáballe a figura do bilingüismo na escola galega. En 1931 publicou un artigo no Boletín da Academia Galega no que reivindicaba –desde un rexionalismo puro– a necesidade de:
Dedicar un día á semana para a lectura, escritura e conversa na lingua vernácula para todos os alumnos sen distinción. Lecturas e recitacións ese mesmo día, dos nosos poetas e prosistas máis destacados.
Nun lugar céntrico e concorrido da cidade da Coruña está a rúa que homenaxea a María Barbeito. Casada en 1909 con Juan Martínez Morás –fillo de Andrés Martínez Salazar–, o matrimonio tivo tres fillos: Juan, Carlos e Isabel.
María Barbeito pertenceu á Real Academia Galega e ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.
Falecía na Coruña en 1970.
Os seus restos descansan no Cemiterio de Santo Amaro, na Coruña.