O 23 de decembro de 1999 falecía na Coruña o escritor Jenaro Marinhas del Valle. Nado na mesma cidade o 25 de novembro de 1908, os seus restos descansan no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.
Colaborou coas Irmandades da Fala, co Partido Galeguista –Fundou a Mocidade Galeguista da Coruña–, participando na campaña a favor do Estatuto de Autonomía.
Marinhas del Valle escribiu teatro, narrativa, poesía e ensaio. En 1978 ingresou na Real Academia Galega, posto ao que renunciou en 1990, tras a morte de Carvalho Calero. Marinhas como Carvalho, sufriu a marxinación pola súa defensa do reintegracionismo.
Con todo, Jenaro Marinhas del Valle tivo e ten o recoñecemento dunha serie de organizacións: foi nomeado membro de honra da Associaçom Galega da Língua (AGAL), recibiu homenaxes por parte doutros colectivos (como a Asociación Socio–Pedagóxica Galega, a Agrupación Cultural O Facho ou a Fundación Alexandre Bóveda) debido ao seu labor en favor do nacionalismo e pola defensa da lingua galega no ensino.
A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña –rúa Olmos 16–18, 1º– tamén organiza un premio de teatro breve que leva o nome de Jenaro Marinhas del Valle. Neste 2020, está convocado o II Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle.
O I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle foi para José Luís Baños de Cos pola obra Fashion Victims.
Ao igual que pasou con Ricardo Carvalho Calero, bo é que haxa persoas e organizacións que reivindiquen a figura daqueles quen tanto aportaron á nosa cultura.