Esta rúa da cidade da Coruña –na zona coñecida como Cidade Xardín– homenaxea o arquiveiro, historiador e editor do rexurdimento galego Andrés Martínez Salazar. Sen dúbida, unha figura relevante da nosa cultura.
Nado en Astorga (León) en 1846, tras acadar o título de Arquiveiro–Bibliotecario, pasou a dirixir o Arquivo Histórico de Galiza da Coruña en 1872. Nesta cidade, entra en contacto con mundo cultural galego, no que comeza a participar activamente.
O seu labor editorial foi fundamental para o desenvolvemento da nosa literatura no Rexurdimento. En 1885 –con Juan Fernández Latorre– funda a colección Biblioteca Gallega. Nela publica Los Precursores de Manuel Murguía, El Idioma Gallego de Antonio de la Iglesia, Aires da miña terra de Manuel Curros Enríquez ou Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal.
Tras a morte de Manuel Murguía en 1923 –primeiro presidente da Real Academia Galega–, será Andrés Martínez Salazar quen ocupe o cargo de presidente da institución, aínda que por pouco tempo, pois falecía na Coruña o 6 de outubro dese 1923.
Os seus restos descansan no cemiterio coruñés de Santo Amaro.