Medios de comunicación e normalización lingüística. O xornal “O Sil” como exemplo.

O SilCando hai uns anos saíron os contundentes e desesperanzadores datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre as persoas que utilizaban sempre o galego saltaron, unha vez máis, todas as alarmas sobre o futuro da nosa lingua. Aqueles datos eran pesimistas sobre todo tendo en conta a evolución con outras épocas: nos dez anos que van de 2001 a 2011 perdéronse máis monolingües en galego ca en séculos anteriores. Deste xeito, por citar algúns exemplos da nosa contorna, en Oleiros pasouse do 29,26% monolingües en 2001 ao 17,46% en 2011. En Arteixo, do 57,31% en ao 40,19% en 2011. En Carral, do 88,28% en 2001 ao 65,54% en 2011. En Cambre, do 36,28% en 2001 ao 23,02% en 2011. Na Coruña, do 17,33% en 2001 ao 15,84% en 2011. En Culleredo, do 34,22% en 2001 ao 23,58% en 2011. É dicir, diminuíron os/as falantes monolingües nun -11,8%, -17,12%, -22,74%, -13,26%, -1,49%, -10,64%, respectivamente. Se estes datos son negativos, se imos a unha comarca como a de Valdeorras a situación non mellora. Así, no concello de Carballeda pasouse do 81,07% monolingües en 2001 ao 42,93% en 2011. No de Vilamartín, do 83,94% en 2001 ao 52,72% en 2011. É dicir, diminuíron os/as falantes monolingües nun -38,14% e nun -31,22%, respectivamente. No concello do Barco, o saldo negativo é de -15,72%. Os exemplos destas dúas comarcas poden ser a tónica de toda Galiza.

Con motivo do Día internacional da lingua materna, a RAG (Real Academia Galega) difundiu este 21 de febreiro un documento no que alertaba sobre a “creba da transmisión lingüística interxeracional”. O documento titulado Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992-2016 sinala que “cando introducimos o factor tempo, agás nas competencias e nalgún outro contexto específico, o signo das tendencias é negativo para o galego”. Segue, “algo está fallando cando o noso ordenamento legal desde os inicios da Autonomía prevé avanzar cara a unha situación de normalidade do galego e de igualdade co castelán e, pola contra, unha parte crecente dos e das galegas sente unha presión cada vez máis forte para abandonar o galego e adoptar o castelán.”

O SilPois ben, un dos eidos nos que se ve máis claramente a desigualdade entre galego e castelán é nos medios de comunicación. Aquí si que algo está fallando para que a nosa sociedade non demande máis medios de comunicación na nosa lingua. Moito hai que traballar para acadar a normalidade, sobre todo, na prensa escrita. Ademais, entre outros, do loable exemplo do semanario Sermos Galiza, queriamos traer aquí o xornal valdeorrés, O Sil. Cunha periodicidade mensual na escrita, este periódico leva moitos anos dando exemplo de normalización lingüística. Escrito en galego, O Sil acadou un número de lectores e un prestixio considerable na comarca de Valdeorras. Defínese como “unha cabeceira que naceu en torno á conca do río Sil, de aí o seu nome, e está editado pola empresa de comunicación GARHERVE S.L. Esta publicación apareceu por vez primeira en outubro de 1996 e dende entón sae á rúa cunha periodicidade mensual grazas ao labor profesional, gran esforzo e interese que depositan en cada número o equipo de persoas que elaboran O Sil… para ofrecer ós lectores unha información xeral co fin de achegarse aos diferentes ámbitos da realidade das comarcas da provincia de Ourense… O xornal está asimesmo a servir como vía de enlace entre as xentes destas comarcas que se encontran espalladas por diferentes lugares do planeta, e así chega por subscrición a diferentes países de Latinoamérica, Europa, Asia e incluso África, e, por suposto, a diversas cidades e pobos da xeografía española. Ademais con esta fiestra renovada que abrimos en internet esperamos que o noso proxecto chegue a máis persoas. Entre as iniciativas nas que está implicado o periódico O Sil para desenvolver estas comarcas están proxectos de tipo cultural, deportivo ou turístico, entre outros.”

Quen nos dera contar, polo menos, cun proxecto coma o do Sil en cada comarca de Galiza. Mellor lle iría á normalización lingüística.

O 24 de novembro de 2017 o Consello de Administración de Sermos Galiza emitía un comunicado no que se sinalaba a intención de poñer en marcha un xornal diario en papel para o 2019. Co apoio de 175 persoas verá a luz O Diario Galego porque “é clara a necesidade dun xornal diario en papel, centrado en e por Galiza e editado integramente na nosa lingua”. Trataríase de “consolidar un espazo galego de comunicación”. Contaremos os días que faltan para poder ver en papel ese futuro O Diario Galego. Necesitamos cubrir ese espazo da normalización canto antes. Sen medios de comunicación en galego algo seguirá “fallando”, como dicía a RAG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies