Medre a lingua

Eu amo o galego

“Non hai plena consciencia da situación do galego na sociedade de hoxe”. A anterior é unha afirmación do profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato. Segundo el, o ano 2009 supuxo unha inflexión na normalización da lingua ao introducírense medidas regresivas contra o noso idioma. Reclama unha nova Lei de Normalización Lingüística que aposte polo galego xa que estamos nun momento crítico para a lingua: o galego ten futuro mais para iso temos que traballar.

Coincide co profesor Freixeiro a profesora e deputada Mercedes Queixas Zas na necesidade dunha nova Lei de Normalización Lingüística. Segundo ela, debe ser a única lei galega que leva corenta anos sen sufrir ningún cambio, sen adaptarse aos novos tempos.

A profesora Mercedes Queixas sinala que a Xunta ignora obscenamente as recomendacións sobre o galego do Consello de Europa ao incumprir sistematicamente a Carta Europea das Linguas Minoritarias e Rexionais. A deputada salientou o fracaso do Decreto de Plurilingüismo porque, segundo se demostrou, non serviu para aprender máis inglés nin para aprender máis galego e si para aprender máis castelán.

En galego agora e sempre

Necesitamos que medre a lingua, mais para iso non queremos que a escola sexa un motor desgaleguizador, senón todo o contrario.

Precisamos que medre a lingua, e para iso non queremos un goberno que se empeñe en facela desaparecer e un presidente da Xunta que se manifeste en contra da lingua do país da man dos sectores máis reaccionarios.

Sen dobraxe non falan galego

Queremos que medre a lingua, mais para que así sexa precisamos dotármonos de leis que axuden na normalización, non que a impidan. Hai que modificar a actual Lei de Normalización Lingüística que leva corenta anos de fracaso. Precisamos derrogar o Decreto de Plurilingüismo, ese decreto da vergoña, e substituílo por un Decreto da Igualdade Lingüística real.

O galego ten futuro

Desexamos que medre a lingua e para iso temos que aproveitar as posibilidades da lusofonía desenvolvendo a lei Valentín Paz Andrade, algo que ata o de agora non se fixo.

Pedimos –para que medre a lingua– que o goberno da Xunta elabore medidas normalizadoras, algo que non fixo nos trece últimos anos. Tamén, que todos os concellos galegos se impliquen decididamente na normalización lingüística.

Mudemos o rumbo da lingua no ensino

Tal como dixo Castelao, se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma, por iso queremos que MEDRE A LINGUA para que así MEDRE GALIZA.

Letras na Galiza

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies