Miguel González Garcés, poeta

Miguel González GarcésTras o golpe de Estado de 1936 e anos posteriores, a primeira xeración que volveu publicar en galego é a denominada pola crítica literaria xeración de 1936. Son escritores nados nas décadas de 1910 e 1920 e que comezaron a publicar as súas obras na década de 1950. Entre estes autores, temos a Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Xosé María Álvarez Blázquez, Ricardo Carvalho Calero e Miguel González Garcés. A este último dedicamos, a continuación, unhas breves liñas na súa lembranza.

Vida e obra de González Garcés

Miguel González Garcés naceu na Coruña o día 12 de xaneiro de 1916 e finou o 12 de decembro de 1989.

Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, opositou ao Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Tras un primeiro destino en Madrid, pediu traslado á Coruña, onde dirixiu a Biblioteca Pública da Coruña durante corenta anos (na actualidade, a Biblioteca Pública da Coruña, leva o seu nome).

Colaborador de publicacións literarias como Atlántida, González Garcés dirixiu a revista Nordés. Tamén foi relevante o seu labor como antólogo para comprender a poesía do segundo terzo do século XX. Así publicou: Poesía galega contemporánea (1974), Poesía gallega de post-guerra 1930-1975 (1975) e Antoloxía, estudo, selección e tradución dos poemas en lingua galega de Luís Pimentel (1979).

Polo que respecta á súa obra poética en galego, Miguel González Garcés escribiu:

  • Bailada dos anxos, 1961, Colección Salnés, Galaxia.
  • Poema ao meu lar, 1968.
  • Poemas a Albertiño, 1970.
  • Nas faíscas do soño, 1972, Galaxia.
  • Paso soa de luz, 1975, Adonais, Madrid.
  • Claridade en que a tentas me persigo, 1977, edición do autor, A Coruña.
  • Sede e luz, 1986, Edicións do Castro.
  • Un nome só na néboa, 1987, Deputación da Coruña.
  • Poesía galega: antoloxía, 1998, Espiral Maior.
  • Porta de aire: escolma poética, 2005, A Nosa Terra.

Monumento a González GarcésMiguel González Garcés foi unha persoa polifacética. Ademais do seu labor docente, publicou numerosos traballos periodísticos, fundamentalmente no xornal La Voz de Galicia (por eles recibiu, en 1960, o premio Fernández Latorre). Do mesmo xeito, salientan os seus traballos de investigación sobre a súa cidade natal. É o caso dos dedicados á Torre de Hércules. No ano 1987, publica a monumental Historia de La Coruña.

Polos anos 50, Miguel González Garcés foi un dos defensores do criterio xeográfico, que defendía considerar literatura galega a feita por escritores nados dentro das fronteiras administrativas de Galiza, con independencia da lingua utilizada. Coñecidas eran as disputas que mantivo no diario compostelán La Noche, especialmente con Xosé Luís Méndez Ferrín e con Gonzalo Rodríguez Mourullo, ambos defensores do criterio lingüístico, amplamente aceptado na actualidade.

Do seu libro Sede e luz (1986):

Nunca brillou o meu nome tan harmoniosamente,
Nunca souben da cor sorrinte e orgullosa das súas sílabas,

 

Coma se ti, no intre que berra vida no silencio,
o pronunciaras.
E teño ciumes -¿son eu non son eu?- sombrizos de min mesmo

 

por se acaso fora plena e amorosamente para ti
o nome que marmuras.
E soa unha campá de luz, aló, moi lonxe.

……………

 

Van soterrándose as raíces do meu amor por ti

 

As gaivotas revoan sobre álamos.
O noso amor é un andar pola praia.
Indecisos, teimosos, afondándonos.
Camiñamos.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Podes ler algúns poemas de Bailada dos anxos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies