#MoitoQueFestexar

Membros do Seminario de Estudos Galegos
Membros do Seminario de Estudos Galegos

O 12 de outubro para a cultura galega significa lembrarse da creación dunha institución que, nas primeiras décadas do século XX, contribuíu á normalización lingüística e cultural de Galiza. Referímonos ao Seminario de Estudos Galegos (SEG). Desde aquí queremos homenaxear nestas breves liñas a uns homes e mulleres que tiñan moi claro o papel e importancia que debía ter a nosa cultura.

O Seminario de Estudos Galegos

Como sinalabamos, o día 12 de outubro de 1923 un grupo de estudantes e profesores da Universidade de Santiago de Compostela reuníase na casa de Rosalía en Ortoño para fundar o Seminario de Estudos Galegos (SEG)

Entre os compoñentes da institución que están nun primeiro momento temos a Armando Cotarelo Valledor, Lois Tobío, Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde, Ramón Martínez López, Manuel Magariños, Xosé Pena, Wenceslao Requejo Bouet, Francisco Romero de Lema e Alberte Vidán. Pronto se irán incorporando ao Seminario as principais figuras intelectuais galeguistas daquel tempo. É o caso das que viñan do Grupo Nós -Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo, Losada Diéguez e Castelao- así como o arcebispo de Santiago, Manuel Lago González; Josefa Iglesias Vilarelle, Salvador Cabeza de León, Xesús Carro, Lugrís Freire, Carballo Calero, Vitoriano Taibo, Gómez Román, López Abente, Bal y Gay, Luís Iglesias ou Camilo Díaz Baliño entre moitos outros.

O obxectivo do SEG era investigar e espallar a cultura galega para elevar o seu nivel e equiparala ás demais culturas europeas. Para levar a cabo esta misión de estudo global da realidade galega, o Seminario estruturouse en seccións que tiñan cadanseu coordinador: a de Filoloxía,  Armando Cotarelo Valledor; Arte e Letras, Castelao; Etnografía, Vicente Risco; Historia, a cargo de Cabeza de León, (quen tamén foi o presidente do Seminario de 1925 a 1934); Prehistoria, coordinada por Florentino López Cuevillas; Xeografía, por Otero Pedrayo; Historia da Arte, por Xesús Carro; Historia da Literatura, por Xosé Filgueira Valverde; Pedagoxía, por Manuel Díaz Rozas; Ciencias Aplicadas, por Manuel Gómez Román; Ciencias Naturais , por Luís Iglesias e Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas, por Lois Tobío

Carné de socio de Alexandre BóvedaNo apartado económico, hai que sinalar que para financiarse o Seminario botou man de fondos achegados por particulares como é o caso de Portela Valladares; de organismos públicos como a Deputación da Coruña e, tamén, como tantas outras veces, da comunidade de emigrantes galegos en Bos Aires. A sede definitiva do Seminario desde o ano 1930 será o Pazo de Fonseca, en Compostela.

As súas creacións son publicadas en diferentes medios, maiormente polo propio Seminario na Editorial Nós de Ánxel Casal, mais tamén na prensa afín ao galeguismo naquela altura, como a revista Nós, o Boletín da Real Academia Galega, o xornal Galicia e El Pueblo Gallego.

O xigantesco labor realizado e planificado polo Seminario de Estudos Galegos truncouse de xeito dramático co golpe de 1936. Así interromperíanse os estudos en campos que apenas había nada até ese momento, é o caso da matemática, a química, a astronomía ou a economía.

Terra de Melide

Entre as publicacións do Seminario temos un Vocabulario popular galego-castelán (1928), un Anteproxecto de Estatuto de Galiza (1931), un estudo sobre a Parroquia de Velle e un estudo sobre a Terra do Deza, que non chegou a ver a luz e perdeuse.

Queriamos dedicarlle unhas liñas a un estudo interdisciplinar, como eran os traballos do Seminario, sobre a comarca da Terra de Melide, que si viu a luz. Trátase dun volume titulado precisamente así: Terra de Melide. Impreso nos talleres da Editorial Nós de Ánxel Casal, o libro foi publicado no ano 1933. O Seminario pretendía que o Terra de Melide fose a primeira dunha serie de monografías sobre as comarcas galegas, e para iso xa tiña avanzado o traballo de campo, como xa dixemos, da comarca do Deza, da de Lemos ou do Ribeiro.  Segundo todos os indicios, parece ser que foi o boticario de Melide, Antón Taboada Roca, o que puxo máis interese e posibilitou que o Seminario investigase esta comarca. Por ela andaron, en sucesivas campañas, Otero Pedrayo, Cuevillas, Fraguas, Risco, Cotarelo Valledor, entre outros. O resultado foi un fermoso traballo de investigación no que se analiza a xeografía, a historia, a arqueoloxía, a cultura material, a literatura oral, a música e os xogos.

Rematamos cunha selección de estrofas que aparecen recollidas no libro Terra de Melide no apartado de Literatura popular que estaba a cargo de Vicente Risco e Amador Rodríguez Martínez:

Furelos para ladróns,

Moldes pra testigos falsos,

San Cosme val para Meigas

e Melide para vagos.

Para mulas Monterroso;

para vacas, Guimarei

e para nenas arrogantes,

terras donde m’eu criei

As mociñas de Melide

choran e teñen razón,

porque ningunha se casa,

de presumidas que son.

Indo por Campos abaixo

n’encontrei senón ortigas;

indo por Melide arriba,

¡ai qué lindas raparigas!

Adiós, calles de Mellí;

adiós, Campo de San Roque;

adiós, muiños de Petos;

adiós, taberna do Forte.

A aldea de Visantoña

é ruín porque a fan;

se lle botan a semente,

tamén dá o azafrán.

Sempre m’andas perguntando

de que romería veño:

veño da feira de Curtis,

da feira de Curtis veño.

Romance  recollido no libro Terra de Melide,  “Rufina hermosa”, que canta Fuxan os Ventos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies