Monelos dá nome a un coñecido barrio da Coruña, pero tamén a un dos mil ríos que seica ten Galiza e que cruza a cidade da Coruña. Iso si, soterrado. En tempo de pandemias onde confinamos as persoas, tamén escondemos e confinamos os ríos. Neste caso, o río Monelos.
Non quedan –visibles– moitos testemuños do paso do río Monelos pola cidade. Un deles é a escultura de aceiro de Manuel Ferreiro Badía na chamada rotonda de Novos Ministerios, por onde iría o antigo leito. As barras de aceiro evocan as ondas xeradas polas correntes do leito do río.
Formarían o Monelos varios cursos de auga procedentes da parroquia de Feáns e da Pastoriza (Arteixo).
Na cidade o río vai canalizado baixo terra ata o peirao de San Diego, no porto da Coruña, onde desemboca.
Quedan dúas pontes, unha soterrada baixo a rotonda de Novos Ministerios e outra visible: a Ponte da Pedra, baixo a Avenida de Oza.
Os ríos son fontes de vida e riqueza, de aí que estea ben non esquecelos. Ocultar un río e poñerlle o seu nome a unha rúa non deixa de ser algo paradoxal, pero polo menos recordamos o seu nome.
Convén non perder a memoria dos lugares e das xentes. Iso foi o que pretendeu a directora Ángeles Huerta co documental Esquece Monelos (2016). A desaparición do río Monelos baixo a cidade da Coruña válelle para reflexionar sobre o tema.