Situado nun promontorio enfronte da Torre de Hércules –no territorio da península da cidade–, nun lugar exposto ás inclemencias meteorolóxicas, o barrio de Monte Alto foi desenvolvéndose pouco a pouco e collendo personalidade propia.
Arredor do século XVII comezaron os asentamentos próximos á cidade vella e que seguían os camiños que levaban á Torre. O derrubamento da muralla da zona histórica –a mediados do século XIX–, favoreceu a expansión urbana pola coñecida Rúa da Torre.
A principios do século XX, había na zona unha serie de instalacións militares, factorías, bloques de vivendas e mesmo a Prisión Provincial, pola que andaron –entre outros– os personaxes d’O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas, nado tamén nunha rúa do barrio de Monte Alto.
Tamén se realizan intervencións urbanas de certa importancia como a urbanización do Campo de Marte.
Na década de 1950, Monte Alto comezou unha acusada expansión urbanística. Consolidouse como un barrio obreiro e popular.
O barrio de Monte Alto vén desenvolvendo desde sempre unha intensa actividade sociocultural. Conta cunha activa asociación de veciñal: Asociación Veciñal Atochas–Monte Alto.
Monte Alto ten personalidade propia, marcada tamén pola xeografía. Non se pode dicir que os nomes das rúas do barrio sexan alleas a esa xeografía.Tamén no barrio hai outras rúas que homenaxean outros persoeiros e vidas exemplares. É o caso do mozo Pedro Galán Calvete –secretario das Mocidades Galeguista da Coruña–, que tras pasar polo cárcere da cidade foi asasinado polos fascistas en setembro de 1936.
Non moi lonxe da rúa Pedro Galán Calvete está a de José Villaverde Velo, anarcosindicalista –secretario xeral da Confederación Rexional Galaica da CNT– que tamén foi encarcerado e asasinado polos fascistas en setembro de 1936.
A Torre de Hércules –visible desde parte do barrio de Monte Alto– domina a zona, como tamén “vixía” e domina o lugar a torre da auga.
Cambiou o barrio de Monte Alto como van cambiando os barrios das nosas cidades. Na actualidade, xa non é a zona de trigo da que fala Xurxo Souto en Contos da Coruña:
A Coruña foi de sempre terra de trigo. O nome antigo de Monte–Alto, por exemplo, era lugar das Medas, isto é, dos feixes de cereal amoreados.
Cambiaron os tempos, pero Monte Alto segue sendo un barrio con vida e con xente orgullosa da súa orixe.