Muller(es) de palabra

Mulleres de palabraNo ano 1942 a Irmandade Galega de Arxentina, presidida por Castelao, decidiu instituír, coincidindo co aniversario do fusilamento de Bóveda (o 17 de agosto de 1936) o día da Galiza Mártir porque, con palabras de Castelao, “Os que mataron a Bóveda mataron unha Galiza chea de luz, pero nós crearemos outra nova e entón o mártir revivirá.”

Lembramos nesta data a aqueles e aquelas que soñaron cun País mellor e neste 2018 quixemos recuperar a memoria daquelas mulleres que sufriron a represión e quixemos exemplarizalo en media ducia de mulleres comprometidas coa educación, co saber.

A educación constituíu un dos grandes compromisos sociais da Segunda República Española. En Galiza as Irmandades da Fala desde o inicio foron conscientes da necesidade dun ensino galego que bebera da nosa lingua, da nosa cultura, da nosa maneira particular de ver o mundo e por iso crearon as Escolas de Ensiño Galego xa en 1923, da man de Ánxel Casal e María Miramontes.

A represión foi especialmente dura coas mestras. Represariadas non só por ser socialistas, galeguistas, republicanas… senón, fundamentalmente, por representar un modelo de muller libre contrario ao ideal de muller que buscaba impoñer o franquismo.

A Coruña, berce das Irmandades da Fala, a cidade de Amparo López Jean, de María Miramontes, de Mercedes Romero Abella, de Elvira Bao, de Concepción González Mosquera, de María Barbeito… de mestras que acreditaban en que o saber nos facía libres, que sabían que ensino era a mellor ferramenta para a transformación social, que fixeron un traballo espléndido en lugares diferentes, con responsabilidades distintas… mais que logo o fascismo truncou para sempre.

Cóntao tan ben Maruxa Mallo en La Vanguardia en agosto de 1938: “Al mismo tiempo que cuelgan a Cristo en las paredes de las escuelas, aparecen por los montes, las carreteras y las playas, los cadáveres de los maestros.”

Nunha estrada na Castellana apareceu o cadáver da mestra de Monelos, Mercedes Romero Abella. Tiña 29 anos, nai de dous fillos pequenos e foi violada e torturada. Cortáronlle os peitos, antes de ser asasinada. E en Riazor apareceu tamén o cadáver doutra mestra tamén socialista, Concepción González Mosquera… E outras non foron asasinadas mais as súas vidas e o progreso que elas representaban foi tronzado. E levounos tanto tempo ir coñecendo a verdade…

Elvira Bao, mestra no hospital de Oza e activa militante do galeguismo foi Secretaria da Xunta Directiva nas Irmandades da Fala da Coruña e colaborou no seu Cadro de Declamación. Membro da Agrupación Republicana Femenina da Coruña desde a súa constitución en 1933, foi presidenta da primeira Xunta Directiva, editora xunto co seu home Bernardino Varela do que moi probablemente sexa o primeiro libro para crianzas, aquel “Contos pra nenos” de 1921 con ilustración de Álvaro Cebreiro. Como consecuencia do seu activismo político, despois do golpe de estado do 36, é detida e pasa uns meses no cárcere. Foi separada definitivamente do ensino público. Pasou anos recluída na casa sen saír polo medo e o terror que o franquismo impuxo.

Amparo López Jean, mestra, foi secretaria e presidenta da Agrupación Republicana Feminina e membro do Partido Galeguista (foi a primeira muller que se afilia ao partido galeguista na Coruña). Formou parte da executiva coruñesa do Partido Galeguista en calidade de vogal. Despois do golpe de Estado vive en Barcelona e alí vai desenvolver unha importante actividade política no Partido Galeguista como membro do seu comité executivo e secretaria xeral do Grupo Feminino Galeguista. Morre no exilio en Francia en 1942.

María Barbeito, mestra, pedagoga, socióloga, educadora, escritora e tradutora, introdutora en Galiza e en España de métodos pedagóxicos avanzados e cunha especial preocupación polos temas relativos á muller. Dá conferencias e publica textos sobre o tema, entre os que cómpre destacar La Mujer, antes, ahora y después, unha conferencia pronunciada na Agrupación Republicana Femenina da Coruña. Acusada de ser de ideas políticas de avanzado esquerdismo republicano, a Comisión Depuradora do Maxisterio resolveu en novembro de 1937 a súa separación definitiva do servizo e de todos os seus cargos.

E deixamos para o final a unha muller que non foi mestra, foi costureira… mais non se pode falar de escolas e de ensino sen falar de María Miramontes.

Que no ano 2018 aínda esteamos batallando para conseguir a supresión de toda a simboloxía franquista é unha mágoa, mais toca facelo, e nós, a AC Alexandre Bóveda, hai escasamente dous meses que vimos de solicitar á Deputación da Coruña que modifique o nome do IES Calvo Sotelo polo de María Miramontes, animadora e impulsora das escolas de ensino galego e das editoriais Lar e Nós. Ela representa como ninguén esa mocidade curiosa e con vontade de saber. María traballa na Coruña nun obradoiro de costura e, moi nova aínda, milita nas Irmandades da Fala e fai parte da súa xunta directiva. É aquí onde coñece o seu home, Ánxel Casal, asasinado en 1936. Nós entendiamos que con este recoñecemento daríase visibilidade tamén ao traballo realizado por mulleres de ascendencia humilde comprometidas co país, coa educación e a cultura, mulleres inxustamente esquecidas. Por iso, este recoñecemento sería tamén un acto de xustiza, un acto contra a desmemoria.

E con María Miramontes comezamos unha colección que titulamos MULLER(ES) DE PALABRA para axudar a rescatar do esquecemento a mulleres de pensamento e de acción, mulleres singulares que traballaron polo progreso, pola igualdade, pola mellora de Galiza e de cada unha das galegas e galegos.

Podedes descargar aquí o folleto que realizamos.

[tnc-pdf-viewer-iframe file=”https://www.acalexandreboveda.gal/descargas/mulleres-de-palabra.pdf” width=”650″ height=”450″ download=”true” print=”true” fullscreen=”true” share=”true” zoom=”true” open=”true” pagenav=”true” logo=”true” find=”true” current_view=”true” rotate=”true” handtool=”true” doc_prop=”true” toggle_menu=”true” language=”gl” page=”” default_zoom=”auto” pagemode=””]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies