Murguía. Un século despois

Cúmprense cen anos do pasamento –2 de febreiro de 1923– de Manuel Murguía. A primeira palestra no noso novo local –rúa Santo André, nº 36, 1º– tivo como tema o inxente traballo deste intelectual ao servizo de Galiza.

Presentado polo profesor e presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. Xoán Costa –que dixo que Murguía está por detrás de boa parte da actividade intelectual do conferenciante–, Henrique Rabuñal impartiu unha charla co título: Murguía. Un século despois.

Sobre a importancia de Manuel Murguía, Xoán Costa afirmaba que no século XIX por Murguía pasaba todo. Do mesmo xeito Rabuñal –veciño de Murguía e bautizado na mesma igrexa de Santa María de Pastoriza (Arteixo)– sinalaba que non hai nada na vida contemporánea galega que non teña un eco en Murguía.

Charla Murguía, un século despois

Estudoso de Manuel Murguía, Henrique Rabuñal vén de publicar un ensaio divulgativo –Murguía. Un século despois– que afonda na biografía do autor: como xornalista, poeta, narrador e investigador.

Capa do libro "Murguía. Un século despois"Nunha entrevista de Montse GonzálezSermos Galiza, n°538, do sábado 28 de xaneiro de 2023– Henrique Rabuñal afirma que “en Murguía hai unha especie de motivo permanente que é rescatar a historia propia do país, iluminala e testemuñala con documentos.” Segundo Rabuñal, Murguía “tenta reconstruír a historia da Galiza como xeito de apoiar a súa idea de definición nacional do noso país”.

 

Na mesma entrevista de Sermos Galiza sinala Henrique Rabuñal que “os grandes líderes do nacionalismo galego de preguerra, Risco, Castelao e Otero, teñen visións políticas diferentes, pero continúan o discurso nacionalizador de Murguía. Cando Murguía é un vello venerábel e están organizándose as Irmandades da Fala, é recoñecido como un dos precursores do galeguismo. A lingua forma parte fundamental da súa caracterización nacional de Galiza. Defende a idea de que, a distinta lingua, distinta nacionalidade. É certo que el non cultivou o galego en exceso na súa obra científica, pero si escribiu moitos textos en galego, como as homenaxes a Lamas Carvajal, a Curros e a Pondal.”

Sobre a súa relación con Rosalía, Henrique Rabuñal afirma que cando a poeta morreu, Murguía converte nunha cuestión central da súa vida a difusión da obra de Rosalía. É certo que quixo dar unha imaxe concreta de Rosalía, mais tamén del mesmo. “Quixo velar pola imaxe dos dous como intelectuais da época”, sinala Rabuñal.

Tras o seu falecemento, Manuel Murguía –enterrado no Cemiterio de  Santo Amaro da Coruña– tivo unha despedida multitudinaria e afectiva por parte de todos: concello, institucións culturais, políticas e a cidadanía.

O día 2 de febreiro –día da Candeloria ou das Candeas– de 2023 cúmprense cen anos da morte de Manuel Murguía. Na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda quixemos comezar a actividade na nosa nova sede falando do intelectual ao que tanto lle debemos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies