Publicamos a nota de prensa enviada conxuntamente por varias asociacións culturais e memorialistas da provincia da Coruña, entre elas a nosa asociación, denunciando a paralización do procedemento de declaración BIC (Ben de Interese Cultural) do Museo Carlos Maside de Sada.
Con esta nota, as organizacións subscritoras alertan de que o expediente caducará o próximo 1 de agosto se a Xunta de Galiza non resolve urxentemente o procedemento, deixando sen protección patrimonial este espazo museográfico de incalculable valor histórico e cultural. Un lugar que, como recordaba o seu fundador Isaac Díaz Pardo, é tamén un lugar de memoria da nosa historia democrática e antifranquista.
Facemos nosa esta reivindicación e unimos a nosa voz á esixencia de que se defenda o interese xeral neste proceso, salvagardando así o legado de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo para as futuras xeracións.
A DECLARACIÓN BIC DO MUSEO CARLOS MASIDE, NO ESQUECEMENTO. ESIXIMOS DA XUNTA DE GALIZA A URXENTE RESOLUCIÓN DO EXPEDIENTE BIC A PIQUES DE CADUCAR
As asociacións, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH da Coruña), AC Alexandre Bóveda da Coruña, AC Eira Vella de Betanzos e a AC Irmáns Suárez Picallo de Sada, denuncian a paralización do procedemento de declaración BIC do Museo Carlos Maside de Sada e esixen a resolución do expediente de incoación, xa que caducará o vindeiro 1 de agosto.
12 de xullo de 2025
O día 11 de agosto cumprirase dous anos desde que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza publicou a Resolución de 1 de agosto de 2023 (DOG 11 de agosto de 2023) pola que se incoaba o procedemento para declarar BIC o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside situado no lugar do Castro de Samoedo en Sada, ao pé da empresa de cerámica actualmente do grupo Sargadelos.
A declaración BIC de Cerámicas do Castro é unha reclamación histórica do asociacionismo cultural memorialista porque o museo Carlos Maside É TAMÉN UN LUGAR DE MEMORIA, como así o repetía o seu fundador Isaac Díaz Pardo.
Lembramos xa vai para 15 anos que o Parlamento de Galiza acordara iniciar esta acción de declaración BIC. En todo este tempo, o Museo atravesou por unha etapa de ostracismo, boa parte do mesmo permaneceu pechado e é pública e notoria a posición da persoa que administra esa empresa, contraria a esta declaración.
Desde as asociacións culturais e memorialistas asinantes esiximos ao governo da Xunta de Galiza que defenda o interese xeral neste proceso e non os interses particulares da empresa, contrarios a esa declaración BIC, así como a adopción das medidas necesarias para recuperar o proxecto museográfico concebido por Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo en plena ditadura franquista.
Todo elo diante da caducidade inminente do prazo para resolver a declaración BIC (2 anos) regulado no artigo 20 da Lei 5/2016 de 4 de maio do patrimonio cultural de Galiza que establece no seu artigo 20.2 que “o procedemento de declaración de inerese cultural deberá resolverse e notificarse no prazo máximo de 24 meses, que comezará a contar a partir da data da resolución da incoación. Tras o transcurso dese prazo sen que se emitise resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento”.
Sería un escándalo que a Xunta de Galiza deixara caducar este procedemento, e este proxecto museográfico de incalculable valor quedase sen protección patrimonial, polo que esiximos da Xunta de Galiza que resolva de xeito urxente o expediente de declaración (que caduca o vindeiro 1 de agosto), en defensa do interese público e a memoria galega democrática e antifranquista.
As asociacións:
- Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña
- Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
- Asociación Cultural Eira Vella (Betanzos)
- Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo (Sada)

3 Respostas
É fundamental preservar un espazo cultural coma este, fonte inesgotable de obra viva da nosa arte contemporánea. Un recurso didáctico valiosísimo para achegar o alumnado á nosa historia recente e identitaria.
Tamén a súa propia xénese desde o exilio é un exemplo de afouteza dos galegos da posguerra que teimaron en sacar adiante o país e conservar o seu patrimonio cultural para os galegos e galegas do futuro.
O meu apoio total por protexer O PATRIMONIO DO POBO.
Na derradeira visita co CD de Maiores de MONDEGO/SADA.
o abandono era tal que as máscaras ORIXINAIS DOS VELLOS NON DEBEN NAMORARSE… estaban pousadas nunha mesa, había cadros arrimados as paredes no chan ,entre restos de bombillas rotas .
Desconchados das humidades.
O LOCAL contra con un auditorio precioso abandonado, con infinitas posibilidades para as asociacións culturais de SADA.
O PROBLEMA é das administracións que ignoran o PATRIMONIO DO POBO.
En SADA está pendente o tema da terraza totalmente abandonaba
penedo ser reclamo turístico.
Grazas polo teu testemuño, que reflicte perfectamente a gravidade da situación. O abandono que describes é xusto o que queremos evitar coa declaración BIC. Sen esa protección, o museo seguirá deteriorándose.
Convidámoste á reunión do 21 de xullo ás 19:30h na AC Alexandre Bóveda. A túa voz e a experiencia que relatas son fundamentais nesta loita polo noso patrimonio.