Entre os nosos sinais de identidade, a lingua e a música que pasou de xeración e xeración constitúen dúas das nosas tarxetas máis significadas diante do mundo. Galiza non sería a mesma sen a súa lingua e non o sería tampouco sen a súa historia musical.
Para alén da música con base tradicional que se está a facer nestes tempos e da cal teremos tempo de falarmos noutra entrada porque a súa calidade, evolución e extensión merecen unha entrada específica nesta web, é certamente un pracer atopar que na nosa lingua podemos sentir, vivir, emocionarnos e partillar bailes e copas escoitando rock, hip-hop, rap, rrap, jazz, punk, metal etc. en galego.
En 2019 conmemoráronse os 25 anos do nacemento do rock bravú, esa feliz “ anomalía” en palabras de Xurxo Souto, nun momento en que existía en Galiza un discurso instalado que afirmaba que o galego non servía para facer rock and roll. Mais a realidade era ben distinta e o bravú significou un xiro cara ao propio. O galego entrou plenamente en xéneros musicais até daquela fechados con varias chaves.
E aquí estamos na segunda nesta década do século XXI, cunha explosión de música en galego. Collo emprestadas as palabras de Xosé Manuel Sánchez Rei, para afirmar que as músicas, os músicos, as bandas etc. representan unha verdadeira auga de maio de frescura, innovación, profesionalidade e virtuosismo. Eles e elas xa derruban fronteiras de preconceptos e achéganse con éxito a moitos países do mundo onde son valorizados e recoñecidos. Farémolo nós e faremos que suban aos escenarios de xeito masivo?