Belén, ano cero: música para o Nadal

Belén de Begonte
Belén de Begonte

Cada época do ano ten a súa música e o seu léxico particular. Os últimos días de decembro e primeiros de xaneiro –o paso dun ano ao outro– tamén teñen a súa música e o seu vocabulario propio. É o tempo de Nadal: Noiteboa, Noitevella, Aninovo, Apalpador, panxoliñas, vilancicos, cantar os reis, aguinaldo, agasallos… son palabras habituais desta época. E, tamén a música.

Desde sempre se cantaron composicións que reciben o nome de panxoliñas ou vilancicos. Durante os séculos XVII, XVIII e mesmo na primeira metade do século XIX, desenvolveuse a moda do “vilancico galego“: composicións en verso, musicadas, e que presentan un aire popular, se ben os seus autores foron músicos de sólida formación. A participación de poetas cultos na tradición popular fixo que se conservasen moitos textos que doutra maneira se terían perdido. Nas catedrais de Santiago de Compostela e Mondoñedo hai abundantes exemplos. Pero, non só aí, senón nas de Toledo, Sevilla, Valladolid, Zaragoza, Lisboa ou  Coimbra. E, é que a moda do vilancico galego traspasou as nosas fronteiras. A crítica sinala que puido contribuír a esta difusión a imaxe de Galiza que se tiña fóra: un lugar apartado e pobre, igual ca onde naceu Xesús. Mesmo se fan similitudes entre galileo e galego, Galilea e Galiza. Así nun vilancico de Carlos Patiño (1610-1683) aparece:

Ao son do Miño e Mondego

bailai, pois Deus nasce xa

galego, que pouco vai

de galileo a galego.

Algúns compositores galegos de vilancicos ao longo dos séculos foron: Frei Francisco de Santiago, Manuel Bravo de Velasco, Carlos Patiño, Antonio María de Castro e Neira, Lois Corral, Vicente Turnes ou Alberto Camino, entre outros.

Máis próxima aos nosos días está a composición “Belén, ano cero”, de Celso Emilio Ferreiro, incluída no seu libro Viaxe ao país dos ananos (1968):

“Xuntei o vento frío coa auga-neve,

xuntei a noite negra coa xiada,

e vin un neno espido nun pesebre.

 

Que misterio máis fondo, que aventura:

o neno non quería

gozar de outros irmaus, nin de outra axuda.

 

Por algo estaba alí, por algo estaba

tan lonxe da riqueza gasalleira,

tan perto da probeza desolada.

Por algo os pastoriños se achegaron.

e si o vento pasou tan paseniño

cantando soavemente, foi por algo.

 

Por algo era María unha artesán,

cando podía sere si quixera,

primeira dama, esposa principal.

Por algo era Xosé un carpinteiro

de fortes, rexas maus encallecidas

na garlopa, na trencha e no martelo.

 

Xuntei tódolos orfos nun só berce,

xuntei as inxusticias cos aldraxes

e púxenos de ofrenda nun pesebre.

¿Quen foi o que roubou o meu presente?”

Como diciamos ao principio, cada tempo ten a súa música. Nós, a continuación, fixemos unha pequena escolma de cancións para este tempo de Nadal, comezando pola que musica o texto sinalado de Celso Emilio Ferreiro, que interpreta Amancio Prada:


Berrogüeto:


Tino Baz:

Fuxan os Ventos:

Mini:

María Manuela e Xoán Rubia:

Xistra de Coruxo:

Xoán Rubia:

Schola Cantorum México:

Suso Vaamonde:

Mamá Cabra:

Magín Blanco e María Faltri:

María do Ceo:

Ruxe Ruxe:

Raiba:

Paco Nogueiras:

Siniestro Total:

Tu mujer nos engaña:

Zënzar:

Uxía e Magín Blanco:

Os Tamara:

Ana Kiro:

Andrés do Barro:

Os Cempés:

Luar na Lubre:

Resonet:

Nenos Cantores da Sinfónica de Galicia:

Xabarín&Xababanda:


Uxía:



Coro de Visantoña:

Maret e Coro de Visantoña:

Malvela: “A cantiga do Apalpador”:

 

CANTIGAS DO APALPADOR

Vaite logo, meu meniño,

marcha agora pra caminha,

Que vai vir o Apalpador

apalparche a barriguiña.

 

Xa chegou o día grande,

día do Noso Señor.

Xa chegou o día grande,

e virá o Apalpador.

 

Mañá é día de cachela,

que haberá gran nevarada

e ha vir o Apalpador

cunha mega de castañas.

 

Por aquela cemba

xa ven relumbrando

o señor Apalpador

para darvos o aguinaldo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies