No lugar que hoxe ocupa o IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña –no barrio de Zalaeta– estaban o Hospital da Caridade e a Casa de Expósitos da Coruña.
Na zona hai hoxe a Rúa Hospital que nos recorda o fundado en 1791 por Teresa Herrera e derrubado na década de 1960. Como dependencia do Hospital, establécese a Casa de Expósitos en 1793.
Ambas institucións tiveron un papel relevante na Real Expedición Filantrópica da Vacina. Coñecida tamén como Expedición Balmis, o obxectivo era que a vacina da varíola chegase a cada recuncho do Imperio Español. Na corveta María Pita partiron do porto da Coruña 22 menos orfos –de entre 3 e 9 anos, que aínda non padeceran a enfermidade– que serían inoculados durante a viaxe para así manter viva a vacina no seu corpo. Ao mando do barco ía o doutor Balmis e o seu segundo o doutor Salvany. Coidando os nenos ía Isabel Zendal, enfermeira reitora da Casa de Expósitos da Coruña.
Desde este lugar foi desde onde avistaron por última vez a Expedición Filantrópica de Balmis. No lugar –balconada do Museo Domus– hai unha placa en lembranza de cada neno, de Balmis, Salvany e de Isabel Zendal.
A importancia e transcendencia da viaxe foi enorme, así como o protagonismo da Coruña. Monumentos e ficción literaria recórdannos a filantrópica expedición. En 2017, María Solar publica Os nenos da varíola. A compañía Pérez&Fernández en coprodución con CDG levan á escena o libro de Solar que novela a viaxe.
Na zona do Parrote coruñés está o monumento de Acisclo Manzano que recorda a Expedición de Balmis. Representa a enfermeira Isabel Zendal protexendo a dous nenos das ondas e do vento.
Tempos apropiados estes que vivimos para lembrarnos desta Expedición que levou a vacina da varíola a América.