No cemiterio

Adios, adios que me vou,

Herbiñas do camposanto,

Donde meu pay s’ enterrou,

Herbiñas que biquey tanto,

Terriña que vos criou.

(Rosalía de Castro)

Placa de entrada no cemiterio de Santo AmaroCando chega novembro –cos días grises, máis fríos, lonxe xa o verán e o inverno á porta– as celebracións –algunha quizais xa da época dos celtas– propias da época teñen tamén un carácter distinto: Defuntos, magosto, Samaín…

O culto aos mortos está tan enraizado que que mesmo se coñece novembro como mes dos mortos, mes morto ou mes das ánimas por celebrarse nel –dentro do calendario litúrxico– o día de defuntos. Así aparece tamén o refraneiro:

No mes dos mortos mata os teus porcos.

No mes morto nin saches o horto nin capes o porco.

Cando Rosalía se vai despedindo da terra no poema de Cantares gallegos tamén lles di adeus ás herbiñas do camposanto.

Cemiterio de Santo Amaro

A principios de novembro os cemiterios énchense de familiares que van acondicionar as sepulturas dos seus seres queridos falecidos. O protagonismo do cemiterio é tal que Rosalía en Follas novas mesmo lle dedica un poema ao de Iria Flavia –ela estaría enterrada alí antes de que os seus restos fosen trasladados a San Domingos de Bonaval:

O simiterio d’a Adina

N’hay duda qu’è encantador,

C’os seus olivos escuros

De vella recordazon;

Co seu chán d’erbas e frores

Lindas, cal n’outras dou Dios;

C’os seus canónegos vellos

Que n’el se sentan ô sol;

C’os meniños qu’ali ogan

Contentos e rebuldós;

C’as lousas brancas qu’o cruben,

E c’os humedos montons

De terra; ond’algun–ha probe

Ô amañecer s’enterrou.

Mòito te quixen un tempo,

Simiterio encantador,

C’os teus olivos escuros,

Mais vellos qu’os meus abós,

C’os teus cregos venerables,

Que s’iban sentar ô sol,

Mentras cantaban os páxaros

As matutinas cancións,

E c’o teu osario humilde

Que tanto respeto impon

Cando d’a luz que n’el arde

Vé un de noite ò resprandor

….………………………….

Moito te quixen e quérote,

Eso ben o sabe Dios;

Mas hoxe, ô pensar en tí

Núbrasem’o corazon,

Qu’a terra está removida,

Negra e sin frols.

O Sapo. Debuxo de Castelao

“No ceo da noite brilla unha grande lúa chea. Os esqueletos de don Ramón e o Boticario latrican sentados no calado do cemiterio. Entra en escena o esqueleto do señor Fuco, que vén coxeando”

(Os vellos non deben de namorarse)

Coñecido é o gusto de Castelao polo humor, a ironía e o mundo de ultratumba. No epílogo d’Os vellos non deben de namorarse os tres vellos reúnense –no cemiterio, xa convertidos en esqueletos– e comentan as circunstancias da súa morte. Láianse do seu imprudente namoramento e coñecen novas das súas respectivas mozas.

Cemiterio de Santo Amaro

Na narración Un ollo de vidro –tamén de Castelao– un esqueleto a través dun ollo de vidro que lle puxeron en vida ve e conta o que pasa no cemiterio:

“Desde hai tempo veño reparando que un home de carne e óso sae da cova, gabea pola parede do cemiterio e foxe cara á cidade. De alí a dúas ou tres horas volta para o cemiterio ensumíndose nun dicir amén debaixo da terra.”

Cemiterio de Santo Amaro

“Cando o primeiro cadullo de terra, bicado por un neno, petou dentro da cova nas táboas do ataúde subíronme ata a gorxa as verbas salvadoras… Estiveron a punto de xurdiren. Máis entonces acudían novamente ao meu maxín a case seguranza do arrepiante ridículo, da rabia da familia defraudada…”

(“Sobre a morte de Bieito“. Dos arquivos do trasno)

No relato de Rafael Dieste, van enterrar a Bieito e un dos que levan a caixa cre que o sente rabuñar dentro, pero non se atreve a dicir – por medo ao ridículo– que Bieito igual está vivo. Máis tarde, volve ao cemiterio para desenterralo, pero escoita uns pasos e marcha.

Cemiterio de Santo Amaro

O actual Cemiterio de Santo Amaro foi inaugurado en 1813. Emprazado fronte ao mar, o camposanto histórico da Coruña quizais poida ser considerado o máis importante de Galiza, tanto polo número como pola calidade dos persoeiros. En Santo Amaro descansan – entre outros moitos– os restos de Curros, Pondal, Murguía, Luís Seoane, Os irmáns Vilar Ponte, Ánxel Casal, María Barbeito, Luísa Villalta, Francisca Herrera Garrido, Miguel González Garcés, Álvaro Cebreiro, Pucho Boedo, Castro Chané e Wenceslao Fernández Flórez.Lápidas en Santo Amaro

Unha resposta

  1. Eu tamén teño ancestros no cemiterio do Santo Amaro,meu pai,miña aboa,duas tias ,dous tíos ..
    Non son creente,penso que o importante e viver hoxe”carpe diem”..Mais e certo que somos consecuencia ,para ben ou para mal,dos nosos devanceiros..Alem de que somos polvo cósmico,si existe un cemeterio fermoso e o de SAN AMARO..!CANTOS VIVOS QUISERAMOS TER UNHAS VISTAS COMO AS DÉL ..

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies