Noite de San Xoán (Veremos bailar o sol)

Cachela San xoán - Castelao
Castelao

 

Salto por riba

do lume de san Xoán

para que non me trabe

cadela nin can.

Nestes tempos que corren, igual o de menos é que nos trabe unha cadela ou un can. Vivimos día a día situacións e experiencias que parecen únicas e o futuro ofrécesenos con incertezas. Pero aí está a tradición para axudarnos. E nestes días, celebramos un deses momentos do ano nos que a tradición ten un peso moi importante e con ricas e variadas aportacións: a noite de San Xoán.

A noite do día 23 ao 24 de xuño, coincidindo co solsticio de verán –cando temos o día máis longo do apaisaxe con mar ao fondono–, celébrase desde antigo –xa os celtas o facían– unha ampla variedade de festas e prácticas rituais, fundamentalmente, arredor de fogueiras –cacharelas, luminarias, cachelas– purificadoras.

Para facer a fogueira hai que xuntar as herbas apropiadas. Tamén Balbino –de Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas– foi cos amigos recoller as plantas para facer o fumazo:

Aquela tarde —primeira vez que me deixaban ir— deprendín para sempre a escoller as plantas sacras: estalotes, herba de Santa María, faísca verde, follas de castiñeiro e de bieiteiro, ponlas de oliva, codesos, follas de loureiro, trobiscos, ponlas de nogueira, rosas de nabo e de romeu…

Arredor do lume, cómese, bébese e dánzase. Toda a veciñanza participa:

Foi chegando xente. Mocidade, vellos, nenos… A aldea polo pé. Xerras de viño, pandeiretas, unha gaita… O fume, un esteo groso e moi longo de fume, subía paseniño, canso, escuro, sen esparexerse. A noite era maina, queda, coma se fose finar o mundo. E nós veña de atizar as herbas, mentres mozas e mozos, collidos pola man, brincaban por riba do fumazo dicindo:

 Sálvame

lume da San Xoán.

Que non me morda nin cobra nin can.

Na noite de San Xoán, as plantas acadan o mellor das súas propiedades curativas e máxicas. Por iso, hai que recollelas e poñelas nun caldeiro con auga toda a noite para logo lavarse pola mañá nesa auga purificadora. O pai de Balbino contoulle algunhas das cousas que se acostuman facer:

Díxome que hai mozas que deixan claras de ovos no peitoril da xanela, e pola mañá fan comparanza do seu porvir co feitío que teña o ovo. Outras, con amores fuxidos, collen peniscos de cardos e envólvenos con papeis en pequenas trouxas; por fóra escriben o nome de cada mozo, e póñenas no leito, debaixo da almofada. O día de San Xoán, ben cedo, ceiban as trouxas e se abrollou algunha flor quere dicir que voltará o mozo que ten o nome sinalado no papel.

Meu pai estaba de chós. Faloume de rapazas que lavan a faciana na amañecida de San Xoán, con auga na que meteron de véspera herba cruzada; e que nalgúns sitios se bota o gando fóra, e a roupa dos enfermos, e que se aparecen meigas…

Ao día seguinte pola mañá, hai que erguerse cedo para ver bailar o sol cando sae. E, Balbino así o fixo:

E vímolo bailar. Estabamos na Agra Vella. O ceo amostróusenos limpo como unha patena; foramos gradar para o millo temperán. Paseniño, foise erguendo por detrás do coto e guindou na terra as súas barbas luminosas. Entón paramos o gando e botamos unha ollada no horizonte.

Como era de día, non me amedoñei, pero o sol, tal como meu pai mo anunciara, bailaba coma un tolo na mañanciña.

 Balbino participou na noite de San Xoán –e en todos os preparativos– con moita ilusión. A tradición mantívose. E, nós tamén debemos mantela para, con esa mesma ilusión, afrontar as preocupacións que estes tempos modernos nos poidan traer. Pidámoslle ao lume de San Xoán que nos salve, que non nos morda nin cobra nin can, nin virus nin pandemias.

Oxalá, coma Balbino, poidamos pola mañá ver bailar o sol.

[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]

Que non falte –coma na noite de San Xoán de Balbino– unha gaiteira, neste caso Susana Seivane:


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies