O das mulleres ten que quedar escrito para a historia… Interésame que quede o das mulleres, porque o dos homes escribiuse sempre
Trinidad Gallego (documental Las sin sombrero)
En decembro de 2024 foinos entregado o Premio Luísa Villalta ao noso proxecto NON CALARÁS! que concede a Área de igualdade da Deputación da Coruña.
NON CALARÁS! é título escollido para facer memoria das loitas esquecidas protagonizadas por mulleres. É este un proxecto para a visibilización social das mulleres, das loitas, dos traballos e das reivindicacións para unha sociedade máis igualitaria e máis xusta. Como di Keina Espiñeira no limiar da publicación, a historia escribiuse sempre con ausencias, con omisións, con voces afogadas que quixeron esquecer. Pero as pegadas quedan, por moi fondo que as enterren, e a memoria ábrese paso, teimuda e insistente.
NON CALARÁS! É un traballo de investigación e de produción de contidos para pór en valor o papel histórico no movemento obreiro e asociativo e nas reivindicacións de melloras sociais e laborais realizados polas mulleres amosando as distintas redes de apoio creadas polas traballadoras ao longo do século XX que dan conta un forte movemento de empoderamento das mulleres.
Unha ducia de historias para non esquecer máis tamén para homenaxear e reivindicar a REBELDÍA GALEGA. Reivindicamos, mais tamén festexamos ser herdeiras dunhas mulleres que nunca quedaron caladas:
- As revoltas das mulleres.
- As lavandeiras
- As chambonas
- As costureiras
- Vendedoras de peixe
- Irmandiñas
- Mandadeiras
- El progreso feminino
- As cigarreiras
- As labregas
- Hijas de Galicia
- As cantareiras
.
Once colectivos de traballadoras, e, neste 2025, ano no que damos a coñecer o traballo realizado, quixemos reservar o capítulo final para as cantareiras como homenaxe a aquelas que usaron o canto para preservar o noso maior tesouro: a lingua.
As miñas mans son de ouro,
heinas de mandar dourar,
saben tocar o pandeiro
tamén saben traballar.(Cantada por Genara e Estrela de Seaia, Malpica de Bergantiños)
Acabada a fase de investigación atopámonos agora na fase de divulgación do traballo premiado que consiste nunha publicación, unha exposición na rúa e un roteiro, ademais de presentacións a colectivos diversos. Universidade, institutos, asociacións veciñais…
Hai xa cinco anos que abrimos a nosa web A Coruña das Mulleres coa idea de construírmos colaborativamente un fondo documental e gráfico que puidese ser útil para a información, consulta e investigación sobre a memoria feminina da cidade da Coruña. Aí están os alicerces de NON CALARÁS!,
Aquí podes descargar en PDF a publicación que fixemos para contar brevemente historias con moita forza dunhas protagonistas que souberon tecer redes e traballaren en común, mais cuxos relatos ficaron frecuentemente na néboa do tempo.
non-calaras