Hai vilas en Galiza que aportaron á nosa literatura varios e importantes escritores. É como se eses lugares favorecesen a inspiración. Se Rianxo foi o berce de Castelao, Dieste e Manuel Antonio; Celanova deunos a Curros e Celso Emilio. Pois ben, o día 19 de outubro de 1869 nacía noutra desas vilas que son un foco cultural –Mondoñedo– Antonio Noriega Varela, que xunto con Cunqueiro, Leiras Pulpeiro e Pascual Veiga, entre outros, sitúan a vila lucense nun lugar sobranceiro dentro das nosas letras. A continuación, dedicámoslle unhas breves liñas ao autor de Do ermo.
Antonio Noriega Varela
Nado, como xa dixemos, o día 19 de outubro de 1869, Noriega aos catorce anos iniciou a carreira eclesiástica no seminario da vila natal. Nel chegou a ser popular grazas á súa habilidade para crear composicións de carácter humorístico e satírico, e comezou a escribir poemas en castelán. Logo de abandonar a carreira eclesiástica, exerceu a profesión de mestre.
O seu primeiro destino será, en 1901, Foz. Alí entra en contacto co agrarismo e o movemento anticaciquil da man de Antón Vilar Ponte. Con esta convicción colaborou na revista satírica Guau…Guau!, para a cal escribiu varios poemas de corte cívico. Debido á súa vinculación coas actividades agraristas, foi expedientado e trasladado a Calvos de Randín, próximo á fronteira con Portugal, e, posteriormente, a Trasalba. Foi aquí onde trabou amizade con Otero Pedrayo e outros membros da Xeración Nós. Grazas a Otero, Noriega coñeceu en profundidade a literatura portuguesa, que deixaría unha importante pegada na súa obra. Aos 57 anos instalouse en Abadín e retomou os contactos da mocidade. En 1927 foi nomeado membro da Real Academia Galega. Por motivos de saúde, en 1930, solicitou o traslado á Viveiro no que será o seu derradeiro destino como mestre.
Co paso do tempo, Noriega foise afastando dos principios políticos do movemento agrario, chegando a apoiar, durante a Guerra Civil, o bando franquista. Incrementou a produción en castelán e, por esta época, viviu unha etapa de fondo pesimismo ata a súa morte que tivo lugar en Viveiro o 27 de marzo de 1947. Tras a guerra, volveu empregar de novo o galego.
A obra de Noriega Varela
No ámbito literario , acostuma incluírse a Noriega na chamada Xeración de Entre dous Séculos, sendo xunto con Cabanillas e outros, os que levaron a cabo a transición da poesía galega do século XIX ao século XX.
Pódese dicir que Noriega é autor dunha soa obra, Do ermo, a cal tivo varias edicións (1904, 1910,1920, 1929 e 1946), cambios de título (inicialmente chamouse Montañesas) e ampliación e supresión de diversos poemas.
Trátase dunha obra costumista na que abundan as composicións líricas sobre a vida dos labregos e de diálogo coa natureza. A súa aportación máis orixinal son os poemas franciscanos, humanistas paisaxistas ou neovirxilianistas, onde o eu lírico se aproxima á natureza e fala adoptando un ton íntimo e emotivo. Con Do ermo, Noriega –chamado o poeta da montaña–, inicia unha poesía que terá posteriores imitadores como Díaz Castro, Crecente Vega, Uxío Novoneyra ou Aquilino Iglesia Alvariño.
Noriega Varela, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 1969, publicou tamén unha escolma de cantigas populares na honra da Virxe María: A Virxe e a paisanaxe (1913). En 1928, deu á luz Como falan os brañegos, compilación de ditos, frases e adiviñas populares.
Toda unha declaración de intencións é o seu poema Toda humilde beleza. Aquí vemos esa preferencia polas cousas humildes da paisaxe da montaña:
Vago xirón de brétema, atavío
soberbio de hirta xesta, reidora,
fulgurante doíña de rocío
(pazo do sol e lágrima da aurora);
raiola de lunar que bica o río,
flor mareliña que entre espiñas chora,
ou das redes da araña un tenue fío,
toda humilde belleza me namora.
É un vermiño de luz o amigo caro
do meu nume saudoso… Antes reparo
na nudez adorable dunha estrela
que nas rosas dos vales, que sorríen,
que nos mantos dos pinos, que se engríen,
que nas blondas do mar, que se rebela.
Dixemos que Noriega era considerado O poeta da montaña, no seguinte poema vemos como lle pide á “laverquiña” que deixe o mar e se vaia á montaña:
Laverquiña que te axotas
das degaradas gueivotas
oindo o salvaxe berro;
musa, que a mariña extrañas,
olla as azules montañas
¡desde as plaias do desterro!
Esquence o mar, lembra o gado
miúdo, i o regalado
vivir, ¡as tumbadas festas!,
i as cantigas dos pastores,
que fan grinaldas coas frores
amareliñas das xestas.
[wps_separator style=”default” top=”no” text=”Top” separator_color=”#444″ link_color=”#444″ size=”2″ margin=”15″]
Antonio Noriega Varela ama a chorima “a flor mareliña do toxo”. Pilocha e María do Ceo cantan “Alecrín dourado”, facendo preguntas: “quen che dixo a ti que a flor do toxo era o alecrín?”