Nova Xunta Directiva e presidencia colexiada: unha aposta pola horizontalidade

O pasado martes 10 de xuño celebramos unha asemblea extraordinaria na que renovamos por unanimidade a nosa Xunta Directiva. Con esta elección, abrimos unha nova etapa na vida da AC Alexandre Bóveda, marcada por unha importante novidade: por primeira vez na nosa historia adoptamos unha presidencia colexiada, formada por cinco persoas que asumirán conxuntamente as funcións de coordinación, representación e impulso do proxecto.

Este modelo, pouco habitual no panorama asociativo galego e estatal, foi posible grazas á reforma estatutaria aprobada pola asemblea no mes de marzo e xa rexistrada na Xunta de Galicia. A súa posta en marcha responde ao noso desexo de avanzar cara estruturas máis horizontais, cooperativas e compartidas, que reflictan a natureza diversa e participativa da nosa entidade.

¿Como funcionará esta presidencia colexiada? Segundo os novos estatutos, estas cinco persoas constitúen conxuntamente o órgano de representación legal da asociación para todos os efectos, sendo responsables da xestión e representación dos intereses da AC Alexandre Bóveda. O número impar de integrantes (cinco neste caso) facilita a toma de decisións colectivas nos casos que sexa preciso. Este modelo permite compartir as responsabilidades de coordinación, representación e impulso do proxecto entre diferentes sensibilidades e perfís, garantindo unha dirección máis participativa e representativa da diversidade da nosa entidade.

A nova Xunta Directiva non comeza de cero. As persoas que a compoñen levan tempo implicadas en funcións organizativas, asumindo responsabilidades directas na programación, coordinación de actividades, xestión de proxectos e coidado do día a día da asociación. Este equipo nace tamén co obxectivo de recoller a sensibilidade dos diferentes colectivos e grupos que forman parte da AC Alexandre Bóveda, garantindo a súa representación e voz no funcionamento interno.

A composición da nova Xunta Directiva é a seguinte:

Presidencia colexiada

  • Carmela Galego Marante
  • Daniel Rodríguez Cao
  • Jorge Castro Ruso
  • Luz Rivas Troiteiro
  • Marisol García Juárez

Secretario

  • Ricardo Vales Agra

Tesoureira

  • María Xosé Bravo San José

Vogais

  • Carme Vilariño Vilariño
  • Isabel Martínez-Risco Valdivieso
  • Keina Espiñeira González
  • Manuel Agra Villar
  • Manuel Bouzón Vila
  • Manuel Graña Vázquez
  • Xosé Larrosa Vila
  • Xosé Manuel Sánchez Rei

Queremos expresar o noso agradecemento máis fondo a María Xosé Bravo, que exerceu a presidencia durante os últimos oito anos con compromiso, dedicación e entrega. María Xosé continuará na directiva, agora como tesoureira, e seguirá sendo unha referencia clave nesta nova etapa.

Esta nova Xunta Directiva afronta ademais un reto moi especial: en 2026 a AC Alexandre Bóveda cumprirá 50 anos de existencia. Medio século de compromiso coa cultura galega, coa investigación e co pensamento crítico que queremos celebrar como merece. Ao longo de todo o próximo ano organizaremos diversos actos conmemorativos que permitan facer balance do camiño percorrido, reflexionar sobre o presente e proxectar o futuro da nosa entidade. Será unha oportunidade única para pór en valor a traxectoria da asociación e reafirmar o seu papel no panorama cultural galego.

Iniciamos este novo período con ilusión, responsabilidade compartida e vontade de seguir facendo da nosa asociación un espazo de encontro, reflexión e acción cultural. O desafío do 50 aniversario convírtese nunha motivación engadida para apostar por modelos cooperativos e horizontais que tamén son unha forma de facer cultura e cidadanía. E, como sempre, facémolo contando coa participación activa de todas as persoas asociadas: sen o traballo e a implicación colectiva, nada do que facemos sería posible.

4 Respostas

  1. Moitos parabéns. Futuro inmedible.Apertas irmandadas desde a Fundación Alexandre Bóveda

    1. Moitas grazas polas túas palabras e pola fraternidade que sempre nos une. Compartimos o compromiso co legado de Alexandre Bóveda e sabemos que poderemos seguir colaborando e apoiándonos mutuamente nesta nova etapa. Apertas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies