“Torna roble, árbol patrio, a dar sombra”
(Rosalía de Castro. En las orillas del Sar)
Nunha época na que saltaron xa todas as alarmas por ver unha Galiza invadida por eucaliptos –a prensa fala de que posiblemente sexan 600.000 hectáreas–, volvemos a vista á nosa “árbore patria”, que cantaba Rosalía.
600.000 hectáreas de eucalipto na Galiza – Nós Diario, 8 outubro 2021.
Abondosos son por todo o territorio galego os nomes de lugar e apelidos que teñen que ver coa nosa árbore milenaria: Carballo, Carballeda, Carballedo, Carballido, Carballal, Carballeira…
Rexo, robusto, varudo, lonxevo, non é de estrañar que o carballo fose unha árbore milagreira, fonte de devoción e protectora:
Apareceron os xenios
coa súa policromía
e pintaron un carballo
que a don Roldán protexía;
no carballo, dez mil landras
que as dez mil voces prendían.
(Xoán Babarro. Roldán e as tres princesas de Libredón)
Candos os carballos eran árbores curandeiras e fonte de devoción. Historia de Galicia.
Ramón Cabanillas – Da terra asoballada (1917)– víao como como un guerreiro vixiante:
Lanzal o tronco, as ponlas alongadas,
o follaxe en dosel, forte, senlleiro,
ten a medosa traza dun guerreiro
vixiante de castros e valgadas.
Xa Rosalía de Castro –En las orillas del Sar (1884)– se doía da talla indiscriminada da nosa árbore autóctona:
Bajo el hacha implacable, ¡cuan presto
En tierra cayeron
Encinas y robles!
Y a los rayos del alba risueña,
¡Qué calva aparece
La cima del monte!
Camilo Gonsar –Cara a Times Square (1980)– fala de fusión coa terra e a paisaxe:
Sentado debaixo dun carballo solitario, coas costas apousadas no seu tronco e unha aguillada na man, un home cunha boina poeirenta e parda chaqueta de pana descolorida, criado de criados, olla, quizais adormecido, para as vacas que ten que coidar –das que, en resumidas contas, tamén é criado–, tan alleo ao tempo, tan fundido coa terra e coa paisaxe coma o carballo, como as propias vacas.
En Poemas da ausencia (1959), Manuel María:
A dor da ausencia retórceme
como un carballo
de catrocentos anos.
Xosé María Álvarez Blázquez –Canle segredo (1954)– era dono dun carballo torto e dunha pena chaira:
Inda agora eu son dono vinculeiro
do meu carballo torto,
aló na carballeira de Sovilas
e dunha pena chaira,
que soaba a tesouros escondidos,
a soño tolo de rapaz sin sono,
cando o meu corazón petaba nela
Outra vez, Rosalía:
Árbol duro y altivo, que gustas
De escuchar el rumor del Océano
…………………………………..
¡Yo te amo!, y mi vista reposa
Con placer en los tibios reflejos
…………………………….…….
Que tu copa gallarda iluminan
Se un carballo senlleiro é rexo, forte, altivo, que non será unha carballeira… Desde hai anos, na de Zas, vén celebrándose unha festa moi concorrida, porque as carballeiras son bos lugares de encontro.
Tamén desde hai anos, na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, vén celebrándose un Convivio da Cultura Galega organizado pola Casa–Museo Manuel María.
Son xornadas de celebración abertas ao asociacionismo de base e a todas as galegas e galegos. Homenaxéase a Manuel María e fálase de cultura nun ambiente lúdico e festivo.
O 2 de marzo de 1856 celebrouse preto de Conxo –en Compostela– o denominado Banquete de Conxo. O idílico lugar –do que gustaba moito Rosalía de Castro–, coñecido como Bosque do Banquete de Conxo, serviu para que estudantes e obreiros brindaran xuntos pola liberdade, igualdade e fraternidade. Este histórico banquete democrático foi organizado por Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luís Rodríguez Seoane.
Un carballo situado no camiño ao Bosque do Banquete de Conxo, con máis de 250 anos de historia, competirá con outras dez árbores polo recoñecemento de Árbore Europea do ano 2022.
Carballo del Bosque del Banquete de Conxo. Árbol del año.
Alí, nas beiras do Sar polas que tanto andou Rosalía, espera este enorme carballo coñecido como “O Avó”, de preto de 30 metros de altura, os votos para ser Árbore Europea do ano 2022:
Votaciones árbol del año en España 2022.
Coñecidas son tamén a Carballeira de San Lourenzo e Santa Susana –antigo Outeiro dos Poldros–, en Santiago de Compostela; famosa, igualmente, a Carballeira de San Xusto, na parroquia de San Xurxo de Sacos –nas beiras do Lérez–, en Cerdedo–Cotobade (Pontevedra):
Carballeira de San Xusto
Carballeira enramada,
Naquela carballeiriña
Perdín a miña navalla.
Alalá de San Xusto. Suso Vaamonde.