O carro cantou moito e ben

“Non canta na Chá ninguén
Por eso, meu carro canta”

Manuel MaríaCantou. Vaia se cantou, o carro de Manuel María. Moito e ben.

O poeta, nado en Outeiro de Rei o día 6 de outubro de 1929, describía a Terra Chá como:

“un pobo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.”

 

Uxía canta o poema “Terra Chá”:

Soidade na Chá, mesmo en toda Galiza. Por iso, o poeta pon a cantar o seu carro. E, como dixemos, o carro cantou moito, ben e variado. Desde a primeira obra, Muiñeiro de brétemas, en 1950, o noso autor deixou centos de versos para que a Chá e Galiza todas saia da soidade. Morrendo a cada intre (1952), Terra Chá (1954), Os soños na gaiola (1968) e tantos outros títulos de poesía están na literatura galega como testemuñas do inmenso labor literario do poeta de Outeiro de Rei. E, non só poesía. Tamén ensaio e teatro.

Mini e Mero cantan o poema “O carro”:

“O meu carro é cerna dura
Sábese carballo e freixo”

A fortaleza do carballo e o freixo é o espírito que anima os poemas comprometidos de Manuel María. Compromiso con Galiza, coa súa xente e coa súa cultura. Paradigmática a súa defensa da lingua galega:

“O idioma é a forza
Que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
Non seremos ninguén.”

 

“Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avión e a puñetazos.”

Se “cerna dura” é a obra de Manuel María, ese mesmo vigor manifestou na súa vida persoal. O poeta da Chá mantivo sempre un compromiso activo co nacionalismo galego. Desde a participación na vida política ata colaborando en causas xustas, como foi a Plataforma Nunca Máis. Vida e obra ao servizo de Galiza.

Suso Vaamonde canta o poema “Galicia”:

Como sinalabamos ao principio, o día 6 de outubro nacía Manuel María. Non queriamos deixar pasar esta data de comezos de outono para lembrar a quen puxo a cantar o carro para acabar coa soidade da Terra Chá e de Galiza toda. Ou quen fixo coa súa man “un aradiño de pau” que tiña “unha rella furadora/ feita dunha lata vella”.

Fuxan os Ventos cantan “ O aradiño”:

Manuel María non só puxo a cantar o seu carro , senón tamén o cuco “entre o marzo e o abril, para que o noso idioma teña as mil primaveras das que falaba Cunqueiro.

Suso Vaamonde canta o poema “O cuco”:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies