O cinema sonoro na Coruña

A gravación e reprodución de sons por medio do fonógrafo ou o gramófono adiantouse por uns anos ao primeiro sistema de exhibición de imaxes animadas, o kinetoscopio de Edison que permitía o visionado dun breve filme para unha única persoa. Non é estraño, entón, que dende a mesma orixe do cinema estivese vivo o soño de facer convivir imaxes en movemento con voces e sons. Na altura de finais de 1894 ou comezos de 1895, William Dickson fixo unha proba de rexistro simultáneo de imaxe e sons, hoxe coñecido como The Dickson Experimental Sound Film, no que vemos a dous homes bailando agarrados ao ritmo dun violín que interpreta o propio Dickson. A compañía Edison comercializou unha versión sonora do kinetoscopio, o “kinetófono”, que se valía de auriculares para facer posíbel a escoita do acompañamento sonoro.

Todo mudou co éxito, a finais de 1895, do cinematógrafo dos Lumière, que introduciu a experiencia que a partir de entón asociamos ao cinema: a proxección das imaxes sobre unha pantalla para un público amplo, un espectáculo colectivo en sala fronte ao divertimento individual. A curiosidade case científica inicial mudou axiña en éxito masivo, o éxito dunha arte nova que transformou a sociedade. Mais durante tres décadas o cinema non tivo son, máis alá da execución de música en directo que era común nas salas. Non faltaron os ensaios e os desenvolvementos tecnolóxicos para intentar sumar sons ás imaxes, e de feito unha cineasta pioneira como Alice Guy realizou diversas “fonoescenas” que se conservan, mais a súa unión presentaba problemas difíciles de resolver. Estaba, para empezar, a dificultade dunha sincronización exacta das imaxes cos sons, pois o máis mínimo desequilibrio provocaría resultados desastrosos (e con iso ironiza unha escena moi graciosa de Cantando baixo a chuvia). Outro problema era o reducido tempo daquelas primeiras gravacións sonoras, pois a capacidade dos cilindros ou discos non pasaba duns minutos e iso era insuficiente para as duracións crecentes dos filmes, que xa a mediados da década dos 10 encontraron no formato da longametraxe unha fórmula comercial óptima. As salas de cinema traían un problema adicional: a necesidade de amplificación do son para que resultase audíbel nun recinto grande.

O inventor estadounidense Lee de Forest (1873-1961), pioneiro da electrónica e un dos pais da radio, fixo unha achega fundamental en 1919 coa patente do Phonofilm, que integraba a banda de son na mesma fita de proxección cinematográfica. Catro anos máis tarde, en abril de 1923, estreou unha serie de curtas como demostración do novo sistema (unha desas curtas tiña como principal aliciente a Concha Piquer, daquela simplemente “Conchita”). Outra tecnoloxía primitiva foi o Vitaphone, que chegou a coñecer ampla distribución grazas á maior calidade do rexistro sonoro. Neste sistema o son non se imprimía no filme, senón que ía en discos separados que se reproducían en sincronía coas imaxes. A primeira longametraxe que se estreou en salas con esta técnica foi o Don Juan de Alan Crosland, con John Barrymore como protagonista, que viña sendo un filme mudo ao que se lle engadiron efectos de son e música. Coa mesma técnica dirixiu Crosland The Jazz Singer, que se ben na maior parte da súa metraxe é un filme mudo máis, con intertítulos e todo, contén algunhas escenas puntuais cantadas ou con diálogos. O relato do debate entre a música popular e a fe xudía do fillo do rabino ao que daba vida Al Jolson é, visto hoxe, un filme de calidade ínfima cun discurso moi conservador, mais a novidade tecnolóxica das voces que emanaban da pantalla fixo del un éxito absoluto na súa estrea en outubro de 1927. A industria estaba a punto de experimentar unha transformación radical e, animado pola resposta da audiencia, multiplicouse en poucos meses o número de salas de cinema que se adaptaron á proxección de filmes sonoros nos Estados Unidos. Nese tempo de transición non foron poucos os filmes dos que se prepararon á vez unha copia muda e outra sonora. Os filmes mudos tiñan a vantaxe, ademais, de que se podían vender mellor no estranxeiro, pois a adaptación lingüística dos intertítulos non supuña dificultade ningunha. Porén, como vender en Europa ou na América do Sur filmes falados en inglés?

Los cuatro diablos

Na Coruña as películas faladas non se farían presentes até entrarmos na década dos 30; o cinema mudo foi durante un par de anos máis o único dispoñíbel, incluídas obras mestras como Sunrise / Amencer de Murnau, estreada no Rosalía “con asistencia de un numerosísimo público” en maio de 1928. Calquera bo cinéfilo soña con viaxar no tempo até novembro de 1929 para asistir, no Teatro Linares Rivas (no mesmo solar onde logo se ergueu o Cine Avenida), á proxección de Four Devils, en España Los cuatro diablos, o único filme americano de Murnau do que non se conserva copia. Pura fantasía esa de ver un filme perdido –e presumibelmente maxistral: imposíbel imaxinar unha mala película do cineasta alemán– nun teatro tamén desaparecido.

El cine sonoro-El Orzán
El Cine Sonoro: El Orzán, 18 de xuño de 1930. Fonte: Biblioteca Virtual de Prensa Histórica.

Foi a partir do 14 de marzo de 1929 que o Teatro Rosalía de Castro acolleu, por uns días, demostracións do sistema de son de De Forest, o Phonofilm españolizado como Cinefón, como complemento ás sesións habituais. “La maravilla del siglo XX” ou “el ultramodernísimo espectáculo del cine hablado”, presumía a publicidade da época, tan afeita aos ditirambos. A mediados de xuño de 1930 o xornal El Orzán anunciaba a instalación no Teatro Rosalía de Castro do equipo técnico para a proxección de cinema sonoro, o “Cronofono Gaumont”, que permitiría a estrea, o xoves 26 do mesmo mes, da produción alemá de ambientación rusa Troïka, dirixida por Vladimir Strizhevsky, a primeira película sonora vista na cidade. Virían aos poucos días Wolf Song de Victor Fleming (1929), con Lupe Velez e Gary Cooper, un filme mudo con efectos de son, banda sonora e cancións sincronizadas, ou o musical The Broadway Melody, dirixido por Harry Beaumont en 1929, gañador do Oscar ao mellor filme na segunda edición dos premios. En novembro foi o Teatro Linares Rivas o que se equipou coa nova tecnoloxía; a primeira sesión co novo sistema foi Der weiße Teufel / El Diablo Blanco, dirixida por Alexandre Volkoff e protagonizada por Ivan Mozzhukhin e Lil Dagover “y el concurso de los famosos coros de cosacos del Don”. En catro ou cinco anos case todas as salas da Coruña estarían en condicións de pasar películas sonoras.

Mais… en que lingua soaban eses filmes? Varios dos primeiros “talkies” producidos en Hollywood eran “revistas musicais” con argumento mínimo, apenas unha colección de escenas cantadas, co cal o público podía ficar satisfeito simplemente ao escoitar esas pezas mesmo sen entender unha palabra do que dicían, e pasaría o mesmo se o que cantaba era un coro de cosacos rusos. Mais a medida que o cinema foi aprendendo a manexar o son e os filmes se volveron máis sofisticados, ou, para sermos precisos, recuperaron a sofisticación artística que xa tiñan na era silente, os diálogos volvéronse esenciais e gozar dunha película podería ficar só ao alcance de quen coñecera a lingua falada. Unha fórmula que a industria americana empregou foi a de producir en paralelo múltiples versións das películas en diferentes idiomas. O exemplo emblemático é o Drácula de Tod Browning que fixo inmortal a Bela Lugosi, a partir da cal George Melford fixo ao mesmo tempo unha versión en español. Foi esa a que se estreou na Coruña no Linares Rivas en novembro de 1932, así que aquí o público viu a Carlos Villarías no papel do vampiro. Min and Bill (George Hill, 1930) fixo que a veterana Marie Dressler gañara un Oscar como mellor actriz, mais na Coruña non a viron a ela nin ao seu compañeiro de elenco Wallace Beery, senón a Virginia Fábregas e Juan de Landa en La fruta amarga, dirixida por Arthur Gregor, “película de sumo interés hablada en español” que pasou en outubro de 1932 tamén no Linares Rivas. É moi curioso o caso de The Big House, escrita por Frances Marion, guionista de prestixio que gañou un Oscar polo seu labor nese filme. Desta obra consérvanse catro versións: unha en inglés dirixida por George Hill con Chester

Morris, Wallace Beery e Robert Montgomery; outra falada en español de Ward Wing con José Crespo, Juan de Landa e Tito Davidson, con guión adaptado por Edgar Neville; unha terceira en francés dirixida por Pál Fëjos, con Charles Boyer, André Berley e Rolla Norman; e outra en alemán, tamén de Fëjos, con Gustav Diessl, Heinrich George e Egon von Jordan. O Savoy da rúa Real estreou, claro, a de Ward Wing, El presidio, “película inolvidable, toda hablada en español”, en maio de 1931.

Estrellados
Estrellados: El Orzán, 10 de marzo de 1931. Fonte: Biblioteca Virtual de Prensa Histórica.

Para as estrelas cómicas a hipótese de ser reemprazados por outro actor era imposíbel e algúns tiveron que someterse ao exercicio de faceren eles mesmos todas as diferentes versións. Así lle aconteceu a Buster Keaton co seu primeiro “talkie”, Free and Easy (Edward Sedgwick, 1930), cuxo equivalente en español foi Estrellados (Salvador de Alberich e Edward Sedgwick, 1930), visto no Savoy en marzo de 1931 con “Pamplinas” batendo torpemente contra a lingua de Cervantes. Stan Laurel e Oliver Hardy, os famosos “O Gordo e o Fraco”, chegaron a rodar, para alén das películas en inglés, outras en español, italiano, francés e alemán a forza de aprender foneticamente os diálogos. O peculiar ton da súa fala española acabou dándolles unha capa cómica adicional en películas como Politiquerías, adaptación da curta Chickens Come Home (James W. Horne, 1931) na que introduciron sen disimulo os espectáculos dun mago e un regurxitador profesional co único obxectivo de estirar a metraxe.

A dobraxe foi unha solución que pouco a pouco iría consolidándose, mais sempre convén lembrar que, coa guerra de por medio, se a dobraxe acabou sendo a única opción en España foi porque a impuxo como obrigatoria a ditadura franquista en 1941. A primeira película proxectada na Coruña “hablada en español por dobles” foi Desamparados / Derelict (Rowland V. Lee, 1930), estreada en decembro de 1931 no Savoy. Máis doado o tiñan as películas feitas na América de fala hispana, con títulos como Tango Bar, un dos máis celebrados de Carlos Gardel, exhibido no Linares Rivas en 1936, ou o drama mexicano de horror La Llorona, estreado na Terraza en xuño de 1935.

Deixo para o final unha curiosidade que dá bastante que pensar. Após o golpe do estado do xeneral Franco, xa en outubro de 1936, coa Coruña en mans do goberno fascista, chegou ao Rosalía, e en portugués, As pupilas do senhor reitor de José Leitão de Barros, autor antes da memorábel Maria do Mar, coa que comparte un actor con feituras de galán, Oliveira Martins. Un artigo de La Voz de Galicia explicaba na altura que “la música típica, cadenciosa, bellísima, es casi toda conocida”, pois “la radio y las orquestas han popularizado hace tiempo los principales números de la partitura”. Naqueles días ben escuros o público coruñés tivo ocasión de illarse temporalmente da barbarie por medio deste simpático romance rural e os seus números musicais, da “canção da cabreira” á “cantiga ao desafío” ou a “vira da desfolhada”.


Martin Pawley

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies