O ensino no rural

Ensino no ruralHai uns meses, a Confederación de Anpas Galegas presentaba un documento titulado Por un plan específico para o rural galego. Conscientes da súa necesidade, pretendían “aguilloar a quen debe facelo”. O documento –arredor dunhas oitenta páxinas– era o resultado dun traballo feito de tres maneiras: xuntando as familias en grupos de traballo en liña, facendo enquisas ás familias e, finalmente, a través de catro foros de temáticas diferentes.

Se unha das principais arelas do ser humano é vivir onde nace e medra, para a Confederación de Anpas Galegas as nenas e nenos do rural galego teñen os mesmos dereitos ca o resto das nenas e nenos do país. Teñen dereito a un ensino público de calidade e dereito ás mesmas oportunidades.

 

Ensino no rural

A realidade exterior á escola ten que entrar nela. É fundamental coñecer o propio para defendelo e aprecialo. O rural morre porque o matan. Para as nais e pais, o rural é parte fundamental da realidade económica, canle de ocupación laboral, solución de habitabilidade, garantía de sustentabilidade, exemplo de vida saudable e a súa peculiar identidade.

O feito de vivir no rural non é a causa de todos os problemas do ensino, senón máis ben a desatención aos grupos minoritarios. Para a Confederación de Anpas Galegas, a escola no rural ten de positivo: a maior atención ao alumnado debido aos menores rateos, a sensación de grupo, a crianza en tribo, o achegamento á contorna natural e o seu aproveitamento para a aprendizaxe, a maior facilidade para a aprendizaxe debido ao pouco alumnado e unha maior atención ás circunstancias persoais. Entre o negativo da escola rural, aparece: a menor optatividade, a menor estabilidade do profesorado, menor atención ás circunstancias especiais, o modelo urbano do ensino e de expectativas, a dificultade de formación alternativa e os agrupamentos.

Ensino no rural

No documento da Confederación de Anpas Galegas –Por un plan específico para o rural galego– aparecen outros problemas de base, que exceden ao propiamente escolar, mais que hai que solucionar. É o caso do transporte escolar que condiciona a vida rural galega, a chamada fenda dixital, os comedores escolares, o desaproveitamento da contorna, a falta de implicación da administración local, o colexio como elemento castelanizador, a participación das familias nas escolas e a falta de aproveitamento das oportunidades do rural.

O problema do rural non o pode solucionar só a xente do rural, sinalan as nais e pais. É fundamental dignificar o rural, para isto e para ter un rural vivo o ensino é fundamental. Se queremos un rural vivo temos que procuralo.

Ensino no rural

Na busca dun rural vivo e dun ensino de calidade, as nais e pais da Anpa A Xuntanza do CEIP da Ponte Arcediago (Santiso–A Coruña) organizaron varios parladoiros para falar do ensino no rural. Actividades estas dentro do Encontro 17: toda unha xornada de actividades para dignificar o rural que organizou o Concello de Santiso e as asociacións e movementos sociais e veciñais do concello. E, é que se queremos un rural vivo, temos que traballar para conseguilo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies